O desvío de visitantes desde Cíes provoca a masificación de Ons

Publicado o Xoves, 23 Agosto 2018 11:36
Visitas: 341
Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

O desvío de visitantes a Ons para non exceder o límite en Cíes está a facer que se exceda sobradamente a cota de 1.800 persoas/día prevista no borrador do PRUX que leva 15 anos de retardo, podendo ocasionar problemas ambientais e de seguridade.

Ría de Pontevedra coa illa Ons ó fondo dende San Vicente do Mar 012.redimensionadoA grande demanda de visitas ás illas Cíes está a ocasionar que se desvíen visitantes á illa de Ons para non exceder a cota de 2.200 persoas/día fixados para o arquipélago vigués. Deste xeito, a illa de Ons está a soportar unha carga de visitantes de ata 4.000 persoas/día, excedendo en grande medida as 1.800 previstas no borrador do Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) que a Xunta de Galicia e a Dirección do Parque Nacional levan xa 15 anos sen aprobar, coas consecuencias nefastas que isto ocasiona para a conservación dos valores naturais e para a seguridade das persoas.

O control do exceso da cota de visitantes nas illas Cíes ten que contar cunha visión integral que abranga todos os arquipélagos do Parque Nacional e que pase pola aprobación do PRUX, xa que este é o documento que rexe os usos que se poden levar a cabo no espazo protexido. Calquera outra solución que non contemple a aprobación deste documento é insuficiente.

Proba diso é que algunhas das empresas navieiras están a redirixir con destino á illa de Ons os viaxeiros que xa non poden transportar a Cíes debido ás medidas de control da cota de viaxeiros por fin impostas pola Administración este ano. Isto pode parecer algo positivo e sen ningún tipo de problemática asociada, mais, desgraciadamente, non é así.

Mentres que o transporte de visitantes ás illas Cíes ten un máximo de 2.200 persoas/día establecido pola resolución de 3 de xullo de 2000 da Dirección Xeral de Transportes pertencente á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, ademais de tamén constar no borrador do PRUX, o transporte de visitantes á illa de Ons tan só está esbozado nese borrador en 1.800 persoas/día. Ademais, ó non estar aínda aprobado a día de hoxe ese documento regulador da xestión no Parque Nacional, esa previsión de cota non ten validez legal.

Ademais, con respecto ó establecemento de cotas de visitantes en tempada alta na illa de Ons, a capacidade de carga ecolóxica das praias desta illa ascende a 896 persoas/día segundo un estudo de capacidade de carga realizado pola propia Xunta de Galicia, mentres que a cota de visitantes/día á illa establecida no borrador do PRUX ascende a un máximo de 1.800 persoas/día. Aínda así, segundo o propio estudo, pódese superar a capacidade de carga ecolóxica citada só con que unha de cada dúas persoas que visite a illa vaia ás praias simultaneamente.

Por este motivo, este argumento non é válido xa que non garante a debida conservación destes ecosistemas costeiros que albergan hábitats catalogados como prioritarios na Directiva 92/43/CEE xa que a maior parte dos visitantes desta illa durante o verán concéntranse nos areais.

Deste xeito, a cota establecida para a illa de Ons en tempada alta debería ser máis baixa e rondar os 1.200 visitantes/día de cara a garantir a debida conservación dos valores ambientais presentes nela como xa se solicitou nas alegacións presentadas ó PRUX a pasada primavera.

Cómpre lembrar outra vez que o Movemento Ecoloxista leva máis dunha década solicitando, tanto á Dirección do Parque Nacional como á Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que se cumpra a Disposición Adicional Segunda da Lei 15/2002, de 1 de xullo pola que se declara o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que di:

“No prazo dun ano elaborarase o plano reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional”.

Deste xeito, o PRUX tiña que ter sido aprobado o día 3 de xullo de 2003. Malia as insistentes peticións dos últimos anos dos distintos colectivos ecoloxistas, nin a Dirección do Parque Nacional nin a Consellaría chegaron a aprobar este valioso documento. Polo tanto, a regulación das actividades que se levan a cabo neste espazo protexido -ao carecer deste documento- realízase sen a planificación axeitada e incumprindo a lei de declaración do Parque Nacional. Só a neglixencia máis absoluta pode explicar que a estas alturas aínda careza dun plano que regule a súa xestión.

Powered by Bullraider.com