248 especies de fauna e flora galegas ameazadas de extinción

Publicado o Luns, 22 Mai 2006 00:00
Visitas: 4554
Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

bufo.jpg248 especies de fauna e flora de Galicia están ameazadas de extinción en maior ou menor medida, segundo os datos recollidos no libro “A Natureza Ameazada 2004”, editado pola Sección de Patrimonio Natural do Consello da Cultura Galega e do que son autores diversos especialistas. 54 delas presentan un risco alto de extinción.Estes datos revelan unha considerábel perda de biodiversidade na nosa terra, que vai moito máis alá da regresión dalgunhas especies emblemáticas de aves e mamíferos. O empobrecemento do noso patrimonio de biodiversidade é un indicador importante de deterioración ambiental. No Día da Biodiversidade, a asociación ecoloxista Verdegaia demanda un maior compromiso institucional e social coa conservación da biodiversidade e, en particular, a implementación dunha política autonómica forte de conservación da natureza.

Os datos anteriores non son oficiais e están incompletos. Proceden da publicación máis recente que ofrece unha visión xeral do estado de conservación da flora e a fauna do noso país. Verdegaia reclama da Consellería de Medio Ambiente a aprobación inmediata dun Catálogo de Especies Ameazadas e a aplicación de planos de recuperación para todas as especies en maior perigo de extinción antes do 2009. Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que aínda non dispón dun Catálogo propio de especies ameazadas, a pesar de ser unha esixencia establecida pola vixente lei estatal de conservación da natureza desde hai uns 15 anos.

A nosa terra está a sufrir un serio e rápido proceso de perda da diversidade biolóxica. A principal causa é a alteración e a fragmentación dos hábitats, debida a múltiples causas, entre as que podemos destacar a urbanización desordenada, a contaminación, os incendios, a substitución de hábitats de especial interese (fragas, algúns tipos de mato, turbeiras,....) por cultivos forestais ou prados, a construción de parques eólicos en zonas de alto valor ecolóxico ou a proliferación sen límite de infraestruturas de transporte (estradas, portos, pistas...).

Outras causas importantes de perda de biodiversidade son a pesca e a caza excesivas e a introdución accidental ou provocada de especies exóticas. Por outro lado, o cambio climático global, que xa se iniciou, constitúe unha ameaza moi seria para a biodiversidade, de non se atenuar e ralentizar a través da redución das emisións de gases contaminantes que o provocan.

É necesario deter axiña a perda de biodiversidade, para o cal é prioritario introducir cambios fundamentais en todas as políticas públicas que teñen algún impacto sobre a nosa riqueza natural (ordenamento do territorio, agraria, forestal, transportes, enerxía,....) Alén diso, cómpre tamén desenvolver desde a Consellería de Medio Ambiente unha política forte de conservación da natureza.

Como o propio conselleiro de Medio Ambiente recoñeceu no Parlamento, “malia ter Galicia tan extraordinarios e paradigmáticos ecosistemas somos unha das comunidades autónomas con menor superficie protexida: pouco máis dun 2 % en Parques Naturais e outras figuras menores, e un 12% en Rede Natura 2000”. Neste senso, cómpre ampliar tanto a rede de espazos de protección especial (Parques Naturais,...), até cubrir o 10% da superficie galega en 2009, como a Rede Natura 2000. Estes espazos poden converterse nunha valiosa ferramenta para o desenvolvemento rural sustentábel se son obxecto dunha boa planificación e reciben un financiamento importante.

Documentación 


pdf As dez especies máis_ameazadas de extinción da flora e fauna de Galicia

pdf Especies ameazadas

Powered by Bullraider.com