Verdegaia solicita a modificación do trazado do VI Costa-Trail de Dexo

VI Costa-Trail de DexoO vindeiro 3 de abril está prevista a sexta edición do “Costa-Trail de Oleiros Seixo Branco”. Trátase dunha carreira pedestre de montaña, organizada pola Sociedade de Montaña Ártabros coa colaboración do Club Atletismo Sada e do Concello de Oleiros.

Esta proba atravesa de oeste a leste a ZEC Costa de Dexo, un espazo natural de gran interese, e considerado  Monumento Natural.

O trazado da carreira, que se modificou con respecto a edicións anteriores, discorre nesta ocasión moi próximo a unha zona de nidificación e cría do corvo mariño cristado, poñendo así en risco as poboacións desta especie que alí se atopan.  Queremos recordar que se trata dunha especie catalogada como vulnerable no catálogo de especies ameazadas, habendo incluso fontes científicas que avogan por considerala en perigo de extinción, en base ao descenso da poboación nos últimos anos. O principal núcleo reprodutor da especie na costa continental da Península Ibérica encóntrase, precisamente, na Costa de Dexo.

Na zona atópanse, ademais, exemplares de falcón peregrino, respecto aos que o Servizo Provincial de Conservación da Natureza indica que se estableceu que o trazado do Trail debía afastarse 100 metros da súa zona de nidificación. Cónstanos que nas últimas edicións da proba o trazado alternativo non se afasta máis de 30 metros do punto de nidificación.

Engadir comentario (0)

Ler máis...

Xunta da Galiza: Impidamos a prórroga de ENCE en Lourizán!

ENCE - fumeO Goberno do PP vén de conceder unha prórroga de 60 anos á empresa ENCE na Ría de Pontevedra, permitíndolle permanecer en Lourizán, en terreos de dominio público, ata o ano 2073. E faino estando en funcións e cun Presidente desaparecido e derrotado, que sabe que non vai revalidar o seu goberno. Trátase dunha decisión política, e mesmo faise incumprindo o Regulamento Xeral de Costas, que impide a prórroga dunha concesión mentres estea aberto un expediente de caducidade, caso no que se atopa a empresa pasteira. Máis unha vez, o PP defende os intereses particulares, os seus intereses e os dos seus amigos, fronte ao interese xeral, socialmente máis xusto e máis rendíbel desde o punto de vista económico e ambiental.

Engadir comentario (0)

Ler máis...

ENCE: Expolio forestal

ENCE - forestalA perda de biodiversidade no noso País está inevitablemente ligada a ENCE, responsáble da repoboación dos montes con especies foráneas e en particular da súa eucaliptización. A expansión do modelo de monocultivo de eucalipto provocou que a Galiza teña a maior superficie de eucaliptais do Estado e que siga experimentando un crecemento trepidante: 40.000 héctareas de eucalipto no ano 1987, 170.000 en 1997 e 375.000 no ano 2009. En vista dos datos provisionais dispoñibles, a finais de 2015 a superficie de eucaliptais en Galiza podería achegarse ás 500.000 ha.

A repoboación con especies pirófitas como o eucalipto e o piñeiro favorece a propagación dos lumes e relaciónase co abandono agrario e co declive do medio rural galego xa que os montes deixan de ser fonte de recursos para a poboación e convértense en almacéns de combustible altamente inflamable. 

A pesar das avultadas evidencias de insostibilidade, un informe da empresa auditora SGS permitiu a concesión da certificación FSC a NORFOR (filial forestal de ENCE), un sistema de certificación que se desprestixia na medida en que certifica as prácticas mais degradantes e insostibles que caracterizan a ENCE.

A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, fai que o destino de montes e terras agrarias sexa o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo ás frondosas autóctonas. Isto acontece perante a pasividade e complicidade da Xunta e que supón un feroz castigo biolóxico ó solo galego, unha ameaza para a biodiversidade e un ataque ás masas forestais autóctonas.

Engadir comentario (0)