O desvío de visitantes desde Cíes provoca a masificación de Ons
- Detalles
- Publicado o Xoves, 23 Agosto 2018 11:36
- Visitas: 641
O desvío de visitantes a Ons para non exceder o límite en Cíes está a facer que se exceda sobradamente a cota de 1.800 persoas/día prevista no borrador do PRUX que leva 15 anos de retardo, podendo ocasionar problemas ambientais e de seguridade.
A grande demanda de visitas ás illas Cíes está a ocasionar que se desvíen visitantes á illa de Ons para non exceder a cota de 2.200 persoas/día fixados para o arquipélago vigués. Deste xeito, a illa de Ons está a soportar unha carga de visitantes de ata 4.000 persoas/día, excedendo en grande medida as 1.800 previstas no borrador do Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) que a Xunta de Galicia e a Dirección do Parque Nacional levan xa 15 anos sen aprobar, coas consecuencias nefastas que isto ocasiona para a conservación dos valores naturais e para a seguridade das persoas.
O control do exceso da cota de visitantes nas illas Cíes ten que contar cunha visión integral que abranga todos os arquipélagos do Parque Nacional e que pase pola aprobación do PRUX, xa que este é o documento que rexe os usos que se poden levar a cabo no espazo protexido. Calquera outra solución que non contemple a aprobación deste documento é insuficiente.
Brigada deseucaliptizadora en Froxán.
- Detalles
- Publicado o Luns, 25 Xuño 2018 07:14
- Visitas: 724
O sábado 7 de xullo continúan os traballos dedeseucaliptización (e desta volta tamén desacaciación) na Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán, en Lousame. Desta volta centrarémonos na eliminación de rebotes de eucalipto nunha zona de bosque de ribeira na que cortaron eucaliptos e plantaron frondosas no verán e outono do ano pasado. Nesta pequena zona coexisten os hábitats naturais prioritarios 5230* e 91E0* así como o hábitat 9230 e covas con importantes colonias de morcegos de ferradura, unha especie incluída no catálogo galego de especies ameazadas. Na mesma zona observáronse outras especies incluidas no mesmo catálogo, como Dryopteris guanchica, Chioglossa lusitanica, Rana iberica, Schistostega pennata, etc.
Os traballos en Froxán comezarán ás 10 da mañá, mais é imprescindíbel estar no punto de encontro (que será comunicado ás persoas inscritas) ás 9h30 para irmos xuntas á zona da intervención. Para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista (mediante o formulario web: http://verdegaia.org/brigadas/
Segunda Brigada Deseucaliptizadora: Lentille (O Ribeiro)
- Detalles
- Publicado o Xoves, 24 Mai 2018 08:25
- Visitas: 620
O vindeiro sábado, día 26, botámonos de novo ao monte, esta vez en Lentille, no concello de Cenlle (O Ribeiro).
O obxectivo desta segunda Brigada é a erradicación de acacias, unha especie exótica invasora que supón un serio problema ambiental polo seu rápido crecemento, por competir coas especies autóctonas e pola acidificación do solo que trae consigo.
Os numerosos lumes que asolaron Galiza durante o verán pasado favoreceron a proliferación das acacias, converténdose nun grave problema para as zonas afectadas, como é o caso de Lentille.