Faltan 7 días

cartelfaltan7diasDe Verdegaia queremos facernos eco da campaña que está a levar a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas para demandar do Goberno do Estado español o cumprimento dos seus compromisos en materia de acollemento. Hai que recordar que, cando está a piques de expirar o prazo para que o Estado recibise ás 17.337 persoas acordadas non chegaron nin tan sequera 2.000 de elas, pouco máis dun 11% da cota prevista.

Xa este reparto é de por si bastante lamentábel, pois o de recibir refuxio é un dereito humano básico ao que non se lle poden pór cotas. Porén, que nin estas se cumpran fala ás claras duns gobernantes que se din moi preocupados pola lei e a orde ante as demandas dunha boa parte da sociedade catalá, mais que non teñen esa mesma inquedanza cando se trata de algo tan nimio como os dereitos humanos. Neste caso o Estado si sabe de fronteiras. Que mundo este, e que mans as que o gobernan!

Engadir comentario (0)

Campaña de sensibilización sobre os Tratados de Libre Comercio

Stop-TTIP-CETA-TISAO Parlamento Europeo aprobou a pasada semana o CETA (Comprehensive Economic and Trade Agreement), o acordo comercial asinado por Canadá e a UE o pasado 30 de outubro. Referendárono os votos do PP, PSOE e Cidadáns (xunto cos seus aliados na eurocámara) e votaron en contra a Esquerda Unitaria, os Verdes e algúns socialdemócratas. En total 408 votos a favor, 254 en contra e 33 abstencións.

Verdegaia xunto con outras organizacións ambientais, sociais, sindicatos e outros sectores profesionais lembra que aínda que o CETA fose aprobado na eurocámara, é agora o momento dos parlamentos estatais de bloquear o proceso de ratificación. Non podemos permitir que un tratado de comercio e investimentos ditamine as nosas normas ambientais, sociais ou laborais. Agora máis que nunca cómpre que fagamos fronte a un modelo de globalización fracasado que unicamente aumenta as fendas da desigualdade e acelera o cambio climático, provocando descontento social.

Engadir comentario (0)

Ler máis...

Nin TTIP, nin CETA, Nin TISA! Non aos Tratados de Libre Comercio!

Nin TTIP, nin CETA, Nin TISA! Non aos Tratados de Libre Comercio!Vigo súmase aos centos de cidades de todo o mundo que conformarán unha fronte común contra os Tratados de Libre Comercio durante este Outono en Resistencia. A Campaña Non ao TTIP Galiza convoca o vindeiro 15 de outubro  baixo o lema “Nin TTIP, nin CETA, Nin TISA! Non aos Tratados de Libre Comercio!” a manifestación central galega, que partirá do cruce de Vía Norte con Urzáiz ás 19h e rematará no MARCO coa lectura dun manifesto.

CHAMAMENTO

As organizacións da sociedade civil, sindicais, campesiñas e políticas, novas, homes e mulleres de todo o mundo convocamos un outono en resistencia para esixir a suspensión dos mal chamados acordos de libre comercio e investimentos, como o acordo entre a Unión Europea e Canadá, chamado CETA, ou o xa coñecido TTIP, que se negocia con EEUU. Estamos convencidas de que para promover unha sociedade igualitaria e respectuosa dos dereitos das persoas e o medio ambiente é imprescindible reformular o sistema de comercio global que, a día de hoxe, unicamente favorece a concentración do poder en mans dunhas poucas multinacionais.

Engadir comentario (0)

Ler máis...