50 días para controlar o comercio de armas

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

act_now_sp.gifO comercio de armas está fóra de control. A proliferación incontrolada de armas convencionais, en especial pequenas e lixeiras, ten un altísimo custe en vidas humanas, meios de vida e oportunidades para fuxir da pobreza. O vindeiro mes de Xuño, dentro de 50 días, celébrase unha cimeira das Nacións Unidas na que se deberán sentar as bases para un futuro Tratado Internacional sobre comercio de armas.

Proliferación de armas lixeiras

640 millóns de armas lixeiras circulan polo mundo. Cada ano prodúcense 8 millóns máis. Poden ser operativas durante máis de 40 anos. Cada minuto unha persoa morre vítima da violencia armada. No ano 2020 o número de persoas mortas e feridas polas guerras e a violencia armada podería superar ao de mortos por enfermidades como a malaria ou o sarampelo.

Os cinco membros permanentes do Consello de Seguranza das Nacións Unidas (EUA, Reino Unido, Franza, Rusia e China) son responsábeis do 88% das exportacións de armas convencionais coñecidas. No caso das armas lixeiras e pequenas (segundo cifras de 2001), os maiores exportadores son EUA, Italia, Bélxica, Alemaña, Rusia, Brasil e China. Outros exportadores importantes son Austria, Canadá, República Checa, Irán, Xapón, Paquistán, Singapur e o Estado español. Existe un mínimo de 92 países con capacidade para producir armas pequenas ou munición, dos que aproximadamente a metade están “en vías de desenvolvimento”, e onde parte da produción é autorizada por fabricantes de países industrializados. A isto debemos engadir a existencia de países que, se ben non destacan como fabricantes, si teñen un papel importante no tránsito e transferencia de armas.


Embargos violados

Entre 1990 e 2001 desencadeáronse no mundo 57 conflitos armados, dos que só 8 se viron afectados por un embargo de armas. Tais embargos adoitan chegar con demora e ser pouco contundentes. Na última década a ONU impuxo 13 embargos de armas, todos foron violados de modo persistente, xeneralizado e sistemático. Mui poucos dos muitos infractores foron procesados, mesmo sendo nomeados nos informes de sancións da ONU.

Esta situación levou a Oxfam, Amnistía Internacional e IANSA (Rede Internacional de Acción contra as Armas Lixeiras) a lanzar a campaña “Armas Baixo Control”, que procura a adopción dun Tratado Internacional sobre o Comercio de Armas, un mecanismo internacional firme e inequívoco, que prohíba a transferencia de armas e munición aos lugares onde haxa motivos fundados para supor que serán utilizadas para cometer graves violacións dos direitos humanos ou do direito internacional humanitario.


O caso español

O Estado español segue a violar o Código de Conduta Europeu sobre control e transparencia nas exportacións de armas. Ademais de transferir armas a países en conflito ou onde os direitos humanos non son respeitados, as estatísticas facilitadas polo goberno non recollen dados que si fican rexistrados nas alfándegas, como a exportación de armas lixeiras a República Dominicana e Suláfrica, ou a exportación de munición a Malaisia, República Centroafricana e Venezuela. En Decembro do pasado ano, o Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade unha proposición non de lei na que se pede ao goberno que apresente un proxecto de lei sobre o controlo do comercio de armas no prazo dun ano.

Podes apoiar a campaña “Armas Baixo Control” sumándote á petición “Un Millón de Rostos”.

 

Máis información:

Armas Bajo Control
Escola de Cultura de Pau

Powered by Bullraider.com