Verdegaia analiza o novo currículum estatal da Educación Primaria

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Os contidos e obxectivos relacionados coa conservación da natureza, a ecoloxía e valores como a paz e a solidariedade perden presenza de xeito alarmante

escola publicaO Ministerio do señor Wert vén de sacar á luz o Decreto do novo currículum de ensino primario. A escora ideolóxica do mesmo faise patente desde as consideracións xenéricas ata os contidos e criterios de avaliación máis específicos.

Se cando presentamos o noso traballo sobre “Análise do currículum oculto antiecolóxico1” afirmábamos que o currículum LOE deixaba pouco espazo para os contidos e obxectivos relacionados coa conservación da natureza, a reciclaxe, o aforro enerxético, a igualdade sexual...agora temos que lamentar que a presenza destes contidos e obxectivos vese claramente reducida, cando non é que desaparecen directamente.

Chama a atención, desde o punto de vista do ecoloxismo e o conservacionismo, o xiro copernicano experimentado na área de Coñecemento do Medio (agora desdobrada en Ciencias Naturais e Ciencias Sociais). Nela, o Bloque “O entorno e a súa conservación”, desaparece, directamente; e o Bloque A diversidade dos seres vivos pasa a chamarse Os seres vivos”. A diversidade, ao parecer, non é o máis importante.

Por outro lado, onde antes se facía especial fincapé na interacción entre as persoas e o medio, agora ponse o acento puramente no método científico. Vexamos un exemplo:

  • LOE: As actitudes -da área de Coñecemento do Medio- vertébranse en torno á identidade persoal, a socialización e a convivencia, a saúde e o medio ambiente.” Esta declaración de principios quedaba materializada despois en obxectivos, contidos e criterios de avaliación relacionados co medio ambiente. A nós parecíannos escasos, pero estaban aí.

  • LOMCE: ...que los alumnos y alumnas avancen en la adquisición de las ideas del conocimiento científico, en su organización y estructuración, como un todo articulado y coherente.”

En consonancia con esa filosofía de fondo, os termos medio ambiente, impacto ambiental, medioambiental...reducen significativamente a súa presenza no currículum (de 22 a 11 aparicións).

Canto a outros valores analizados por nós no noso traballo sobre Currículum oculto, e relacionados coa xustiza social e a paz, facendo un simple reconto vemos que, mentres no anterior currículum os termos solidariedade, solidaria, solidario...aparecían 17 veces, agora redúcense a 6. Igual pasa con cooperación, cooperar, cooperativo, que pasa de utilizarse 63 veces a facelo 22.

Similar tratamento reciben os contidos relacionados coa igualdade de sexos. A pesar de que no Bloque 2 de Ciencias da Natureza aparece o contido: A igualdade entre homes e mulleres, non hai, sen embargo, ningún criterio de avaliación ou estándar de aprendizaxe relacionado con ese contido. Isto é enormemente significativo nun decreto que pon o acento na avaliación (non esquezamos que propón dúas “reválidas” ao longo da escolarización primaria). Que valor teñen nestas condicións aqueles contidos que non levan asociado ningún criterio de avaliación?

Enchoupado de ideoloxía neoliberal, empresa e espíritu emprendedor son a alma do novo currículum, os novos eixos sobre os que debe xirar o coñecemento. O emprendemento aparece incluso como contido transversal. Así, podemos ver afirmacións como: “Los currículos de Educación Primaria incorporarán elementos curriculares orientados al desarrollo y afianzamiento del espíritu emprendedor. Las Administraciones educativas fomentarán las medidas para que el alumnado participe en actividades que le permita afianzar el espíritu emprendedor y la iniciativa empresarial”

O interese dos nosos gobernantes en que o alumnado adquira conciencia empresarial (Pola empresa cara o Deus Mercado, parece ser o seu lema), queda patente nalgúns dos contidos e criterios de avaliación, como os seguintes:

  • Educación financiera. El dinero. El ahorro. Empleabilidad y espíritu emprendedor. La empresa. Actividad y funciones.

  • Estándares avaliables:
    12.2. Planifica sus ahorros para gastos futuros elaborando un pequeño presupuesto personal.

    12.3. Investiga sobre distintas estrategias de compra, comparando precios y recopilando información.

Pero onde chega ao seu paroxismo o afán de adoutrinamento neoliberal é no currículum de Filosofía (aínda borrador), onde podemos atopar xoias como esta:

Conocer el modo de preguntar radical y mayéutico de la metafísica para diseñar una idea empresarial y/o un plan de empresa utilizando habilidades metafísicas y gnoseológicas para conocer y comprender la empresa como un todo, facilitando los procesos de cuestionamiento y definición clara de las preguntas radicales y las respuestas a las mismas, como ¿qué somos?, ¿qué hacemos?, ¿por qué?, ¿para qué sirve esta empresa?, ¿cuál es nuestra misión?, ¿cuál es su sentido, su razón de ser? y saber argumentar la defensa de las respuestas.” (Filosofía de 4º da ESO, Bloque 6: Cultura e sociedade).

En Verdegaia seguiremos analizando o contido dos currículums das distintas etapas educativas, coa esperanza de que a unanimidade social en contra dos mesmos poida ter algunha forza para facer que non cheguen a materializarse.

Rexeitamos claramente este currículum pola ideoloxía neoliberal que o inspira, pola ausencia de contidos que consideramos fundamentais para o desenvolvemento das nenas e nenos de primaria, pola súa inadecuación pedagóxica, pola promoción da competitividade fronte á solidariedade, e pola ausencia, relegación ou desprezo de contidos ambientais fundamentais non só para asegurar a formación das persoas, senón tamén para asegurar a continuidade da humanidade e do medio no que vivimos.

Powered by Bullraider.com