Verdegaia apoia a convocatoria das marchas da dignidade do 22 de marzo

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Verdegaia apoia as marchas da dignidade e o seu manifesto. Recorda que hai posibilidades de acudir en autobús ou tren, contacta para iso canto antes cos colectivos convocantes.Marchas da Dignidade

 

Estamos a saír do túnel? Quen e onde sae e a costa de que? Agora que a maquinaria do discurso político e mediático comeza a traballar en prol dunha imaxe de recuperación e confianza non debemos perder a nosa capacidade crítica. Nin antes da crise as cousas estaban ben, nin despois da crise o estarán. De feito o propio concepto de crise que se está a manexar xa é confuso.

 

Como colectivo ecoloxista, xunto a moitas outras persoas e organizacións, xa denunciamos por exemplo que no pasado a especulación inmobiliaria dos anos do crecemento económico tamén era parte dunha crise, a crise medioambiental derivada da relación entre as demandas de determinado modelo económico e as posibilidades do medio natural para resistir os danos e rexenerarse.

 

A concertación de intereses entre o círculo das grandes empresas e os gobernantes, do que as tramas de corrupción ou as portas xiratorias son tan só manifestacións sintomáticas, garante vía libre para a destrución do territorio e por suposto non repara moito nas persoas que o habitan. Mentres os datos falan dun Estado español cada vez máis desigual, no que estratos cada ano maiores da poboación sofren o empobrecemento das súas condicións de vida, estanse a lanzar proclamas de recuperación macroeconómica dende o Goberno.

 

A ecuación é sinxela, podemos recuperar a macroeconomía sen contar cunha certa porcentaxe dos habitantes. Ese foi sempre o modelo dos EE.UU., unha potencia económica e militar no plano internacional pero cun nivel de desigualdade enorme e amplas capas da súa poboación fóra dos dereitos sociais básicos.

 

A globalización permite estas cousas. Ignacio S. Galán, o presidente de Iberdrola, cando menos falou claro ao referirse a en que lugar do mundo están os seus negocios. Se a poboación local xa non é precisa como consumidora porque internacionalizamos as vendas... ergo, a poboación local non é precisa, ou cando menos unha boa parte dela. Como non é nin foi precisa nunca toda a poboación, a maioría do mundo, que non contaba como consumidora ou non é preciso o coidado da natureza sempre que haxa beneficio na súa destrución.

 

Este é o plan de futuro do capitalismo actual: fuxir cara adiante, apañar o máximo, tirar das persoas o que se poida (quen poida que consuma, quen non que traballe barato, o resto...), aproveitar uns recursos naturais cada vez máis escasos, ou mesmo especular nos mercados de futuros sobre esa mesma escaseza, e xa se verá.

 

Por isto Verdegaia apoia as marchas da dignidade do día 22. Apoiaremos todas as mobilizacións que pidan unha mudanza radical no sistema. Porén, tamén pedimos non volver ao 2006, que entendamos que a situación laboral das mulleres do téxtil en Bangladesh, as condicións de vida no delta do Níxer, a destrución do territorio pola megaminería e a perda de dereitos en Galicia e no resto do Estado, son cousas diferentes, si, pero retallos dunha mesma historia que ten similares responsables. Non lles xoguemos o xogo, nin como cidadanía, nin como traballadoras, nin como consumidoras.

Powered by Bullraider.com