Galiza, contra os tratados de libre comercio

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

en beneficio do poboVerdegaia é un dos moitos colectivos de todo tipo que nos xuntamos para denunciar os tratados de libre comercio e investimentos que están a negociarse entre os Estados Unidos e a U.E. Os TTIP, CETA, TISA e TPP, xunto a outra manchea de acordos similares que se están a dar de xeito bilateral ou multilateral entre diversos estados do mundo. Todos supoñen un novo avance dos proxectos neoliberais e neocoloniais.

Son tratados que manexan unha única idea de progreso, ligada ao capitalismo industrial máis agresivo, e que pretenden seguir a estender este modelo global como única vía de saída posíbel ante os desafíos do mundo presente e futuro.

En realidade poderían interpretarse como unha fuxida cara adiante dos estados centrais do capitalismo de finais do século XX e inicios do XXI, cos E.U.A á cabeza, tentado resituar a súa posición internacional, agora en pugna con outros emerxentes como a China ou Rusia. Neste contexto a U.E. está a mostrar un escaso interese por manter os antigos discursos que servían para lexitimar a moitos dos seus estados, baseados nunha democracia liberal que á vez aceptaba garantir determinados dereitos e condicións sociais.

Os tratados de libre comercio e investimentos premen á baixa para acadar a eliminación do que consideran barreiras á actividade económica: velaí os dereitos laborais e sociais, a diversidade de opcións políticas (por exemplo, son continuos os informes de axencias e analistas económicos que falan da perigosidade das vindeiras eleccións xerais no Estado español), e dende logo as medidas de protección ambiental.

Por outra banda non pode ser libre un comercio que se produce moitas veces en condicións de desigualdade ou de falta de liberdade dalgunha das partes. Non é libre un comercio que se basea na falta de liberdade das persoas e os pobos.

Nun futuro que vai ser de aumento dos conflitos e crises, pola propia dinámica decrecente da enerxía dispoñíbel e a inestabilidade política propia dun mundo que vai ser multipolar, non precisamos de medidas de rapina como estas. Pola contra, debemos construír alternativas ao servizo dos pobos, que devolvan a soberanía que os nosos estados están a pór en mans das grandes corporacións multinacionais, que tendan novas pontes de relación entre as persoas e entre nós e a natureza, sempre partindo de conceptos como os coidados, que garanta os dereitos de todas e todos e que non poña o planeta ao servizo do enriquecemento duns poucos, senón que o recoñeza como a casa común de todos os seres que o habitamos.

Deixamos aquí debaixo a nota de prensa conxunta elaborada con ocasión da manifestación que este sábado 10 de outubro vai percorrer as rúas da cidade de Vigo, como parte dunha semana de acción global que se desenvolverá entre o 10 e o 17 deste mes.
------

Unha nova mobilización global contra os tratados de libre comercio e inversións

A cidade de Vigo encabezará, o vindeiro 10 de outubro, as mobilizacións en contra dos tratados de libre comercio que se celebrarán en Galicia, no marco da Semana de Acción Global que terá lugar do 10 ao 17 de outubro en centos de cidades de todo o mundo. Baixo o lema Comercio en beneficio do pobo, non das multinacionais, a manifestación partirá da Praza da Independencia ás 20.00h., e pasará pola Praza de América ata o Parque de Castrelos, onde se rematará coa lectura dun manifesto.

Esta nova movilización terá lugar, simultáneamente, en diferentes cidades de distintos países do mundo, nas que a cidadanía sairá á rúa para mobilizarse en contra do TTIP, CETA, TISA e TPP, e en prol da igualdade, os dereitos sociais e laborais, a defensa ambiental e a democracia real.

Toda a información sobre esta movilización, e sobre a campaña Non ao TTIP Galiza, está disponible na páxina web http://nonaottip.96.lt/, na que quedarán recollidos os principais eventos e datos da campaña, así como os colectivos asinantes da mesma.

https://www.facebook.com/events/1689155374655395/

Powered by Bullraider.com