17 de abril, día da loita campesiña. 20 anos de resistencia!

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Via Campesina GAL web

 

O 17 de abril de 1996 máis de mil labregas e labregos do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil (MST) dirixíanse á capital do estado de Pará, nunha marcha polo dereito a unha terra de seu. Ese día a policía militar cortoulles o paso na autoestrada, no lugar de Eldorado de Carajás, abrindo fogo indiscriminado contra a multitude. Asasinaron a 19 persoas e deixaron feridas a centos delas. A policía facía así o traballo sucio á empresa mineira que dous anos antes botara a esas campesiñas das súas terras, actuando coa impunidade de quen sabe que non habería responsábeis a pagar por isto. De feito, só dous oficiais foron declarados culpábeis, aínda en 2012. Este día foi sinalado pola Vía Campesiña e multitude de organizacións como o día internacional da loita labrega.

Vinte anos despois a represión non cesa. No Brasil, sen irmos máis lonxe, o pasado día 7 de abril foron asasinados pola policía dous campesiños nun acampamento do MST. Brasil, Honduras, México, a violencia no mundo contra quen defende a terra é brutal e constante. Fronte a isto, tamén na Galiza, a loita labrega segue a ser unha das prioridades para acadar un futuro sostíbel e xusto, respectuoso coa terra e as comunidades. As ameazas extractivistas da minaría a ceo aberto, a eucaliptización, a introdución de produtos transxénicos e as fumigacións a gran escala ou a perda de soberanía alimentaria e biodiversidade nas sementes son ameazas que unen esas loitas para alén das cifras do PIB ou a consideración económica dos países. A defensa de prácticas tradicionais e comunitarias fronte a modelos empresariais que entenden a natureza e a quen a habitamos como mero obxecto de explotación e lucro; a defensa do que é sostíbel e perdurábel fronte á depredación monetarista, son tamén espazos partillados dende un colectivo ecoloxista como o noso.

Vaia pois o noso recoñecemento ás labregas e labregos do mundo e á loita das comunidades pola terra. Sabemos que no Brasil e na América Latina en xeral os ventos non veñen precisamente a favor, cun novo pulo de correntes e poderes neoliberais para facerse cos gobernos. Agardemos que os pobos e as súas organizacións sexan quen de resistir neste contexto. Dende aquí o noso apoio.

Deixámosvos aquí a ligazón a un vídeo pendurado polo MST sobre os feitos que deron lugar á escolla desta data:          

https://www.youtube.com/watch?v=2kwVUD5D6u4

Powered by Bullraider.com