Guerras polo control dos recursos naturais

Publicado o Martes, 30 Xaneiro 2007 18:55
Visitas: 1989
Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

O control de recursos naturais é fonte de conflitos en todo o mundo, algúns deles armados. Segundo o informe Alerta! 2006 da Escola de Cultura de Pau, a fin de 2005 había no mundo 21 guerras.

Destes 21 conflitos armados, 6 están directamente relacionados coa luita por recursos naturais: Alxeria, Nixeria, RD do Congo, Colombia, Iraq e Israel-Palestina. O informe da ECP tamén fai referencia a 7 tensións cos recursos entre as súas causas: RD do Congo-Burundi, Etiopía, Liberia, Nixeria, Sudán, Uganda-Kenia e Indonesia. Un caso especial é o dos países produtores de petróleo: 22 dos 49 principais produtores son escenario de conflitos armados e tensións, polo control deste recurso e pola má distribución dos beneficios que xera. En 38 deste 49, ademais, cométense violacións dos direitos humanos e as liberdades fundamentais (en 22 deles, graves).

A conflitos armados e tensións hai que engadir as crises humanitarias xeradas por pragas, secas, inundacións e outros desastres “naturais” con graves consecuencias e que, como as guerras, provocan desprazamentos masivos de persoas dentro e entre países.

Alerta! 2006 tamén se ocupa da deforestación e as emisións de gases de efeito invernadoiro. 25 países experimentaron unha taxa anual de deforestación superior ao 1% na década de 1990, taxa situada por riba do 3% noutros sete Estados, uns e outros situados, na maioría dos casos, entre os trópicos. A nível global, segundo a FAO, a taxa anual de deforestación entre 2000 e 2005 foi de 7,3 millóns de hectáreas, sendo de 8’9 millóns entre 1990 e 2000. A deforestación altera o equilibrio ecolóxico, dana a biodiversidade, afecta a pobos indíxenas e aumenta a pobreza, agudizando a presión sobre o contorno, o que pode xerar diferentes formas de inestabilidade social e desembocar en espirais de violencia.

Relacionadas coa deforestación están as emisións de efeito invernadoiro, máis de 15 veces maiores nos países de altos ingresos (12,4 tons. por habitante e ano) que nos de baixos ingresos (0,8).

O cambio climático e os fenómenos atmosféricos extremos a el asociados agravará previsiblemente a situación das poboacións máis desprotexidas, provocará desprazamentos masivos de poboacións, agudizará conflitos e xerará novas desputas. Petróleo, auga, terra, madeira... poderían protagonizar cada vez máis conflitos. No Día da Paz (30 de Xaneiro, cabodano da morte de Gandhi), como no resto dos días do ano, deberiamos ter mui en conta a cada vez máis urxente necesidade de procurarmos unha superación da crise ecolóxica global baseada na sustentabilidade ecolóxica, a xustiza social e a paz.


Powered by Bullraider.com