Preguntas frecuentes sobre a Visión para Transformar a Industria Europea do Papel

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Respostas ás preguntas máis frecuentes sobre a visión europea para transformar a industria europea do papel respaldada por Verdegaia e promovida por European Environmental Paper Network.

1. Que é o European Environmental Paper Network (EEPN)?

O EEPN é un proceso de comunicación entre representantes das organizacións non gobernamentais (ONGs) europeas, como Forest Ethics, Urgewald, Greenpeace, WWF, worldforests, Fern, Swedish Society for Nature Conservation, Friends of the Earth, Robin Wood ou Finnish Association for Nature Conservation. A ligazón entre as ONGs coordénase a través do Taiga Rescue Network.

O obxectivo do EEPN é redactar unha visión coa que todas as partes involucradas poidan estar de acordo e á que se poidan unir para presentaren unha petición común dun amplo sector da sociedade civil europea á industria da celulosa e o papel.

2. Como se preparou a visión?

O desenvolvemento da visión foi un proceso participativo con achegas dun amplo abano de organizacións con distintos intereses; ao principio fíxose a través do diálogo, despois a través de respostas a un documento de consulta e logo a través de modificacións ao borrador da visión. A versión final acordouse durante un día adicado ao papel na reunión do Movemento Forestal Europeo (FME, polas súas siglas en inglés) en Bruxelas o 2 de outubro de 2005. En Galiza, a asociación ecoloxista Verdegaia (www.verdegaia.org) apoiou o documento.

3. Que contén a visión?

A visión comeza cunha declaración da nosa visión a longo prazo e, logo, resume brevemente a situación actual da industria europea do papel e presenta o desafío de transformación. Entón, a declaración da visión expón 5 metas con sub-metas que a industria necesita atinxir para ser sustentábel en termos sociais e ambientais. A declaración da visión conclúe cun chamado á industria para que adopte as metas e opere con completa transparencia e cun compromiso por parte dos asinantes a traballaren xuntos cara a visión.

4. Que significan estes termos na visión?

Responsabilidade social

Alén das metas expostas no documento da visión, a responsabilidade social na industria do papel débese entender como requerir a eliminación do uso de fibra de madeira que poña en perigo o sustento da poboación local, ocasione problemas sociais relacionados co abastecemento de madeira ou contribúa á pobreza local e á perda de empregos eliminando outros usos máis sustentábeis dos bosques ou a terra.

Ciclo de vida do papel

Este termo refírese a todos os procesos involucrados na industria do papel, o que inclúe o abastecemento, o desfibrado, a produción, o transporte, o uso, a reutilización, a reciclaxe repetida e o residuo da fibra.

Consello de Manexo Forestal (FSC, polas súas siglas en inglés)

O FSC é un estándar de manexo forestal certificado independentemente que se aplica a nivel mundial. O FSC permite que a industria forestal e as partes interesadas desenvolvan estándares nacionais ou rexionais para o manexo forestal (que concorden cos principios e criterios xerais do FSC) cuxo obxectivo sexa garantir aos consumidores de madeira e papel que o produto provén dun bosque que foi certificado de forma independente como ben xestionado.

A “certificación independente” significa que unha entidade de certificación, acreditada polo FSC para desenvolver esa tarefa, avalía a calidade da xestión forestal en comparación co estándar do FSC. O manexo forestal que cumpra ou exceda os requisitos no estándar considérase coma “Certificado polo FSC” e os produtos provenientes dos bosques e plantacións certificados polo FSC poden levar un logo.

O FSC é o único estándar para o manexo forestal que se cita na visión porque ten atributos que o distinguen doutros estándares. O FSC establece estándares altos de manexo forestal, por exemplo, baixo o sistema do FSC, non se permite utilizar organismos xeneticamente modificados, nin converter os bosques naturais en plantacións, e o FSC tamén busca identificar e manter os bosques con alto valor de conservación dentro da rede forestal. Aliás, o sistema do FSC alenta a participación dun diverso abano de intereses no entorno dos estándares de manexo forestal e require que se consulte ás partes interesadas nos procesos de certificación, permitindo que as devanditas partes, como as comunidades locais, os sindicatos, os pobos indíxenas e as organizacións ambientalistas, expresen a súa opinión sobre cómo xestionar os bosques. Outros esquemas para a certificación forestal carecen dalgúns ou de todos estes atributos e, xa que logo, non se incluíron na declaración da visión.

Os principios e os criterios do FSC séguense refinando e a súa eficacia para garantiren a xestión sustentábel e ética reexamínase con regularidade. Debemos sinalar que o FSC non é unha panacea e, de feito, existen certificacións do FSC criticadas e controvertidas, como por exemplo a das plantacións de eucalipto da empresa Norfor (pertencente ao Grupo ENCE) en Galiza, Asturias e Cantabria. Actualmente, o FSC está desenvolvendo unha revisión internacional moi importante da certificación das plantacións, cuxos resultados espérase sexan moi pertinentes para a industria do papel.

Para ampliar información sobre FSC recoméndase a web de FSC-España (www.fsc-spain.org). Dentro de FSC-España existe un Grupo Galego de Apoio á Certificación Forestal FSC.

Outros sistemas de certificación forestal que non recomendamos nin apoiamos inclúen os seguintes: PEFC (o outro sistema de certificación forestal aplicado até hoxe en Galiza), SFI, MTTC, CSA, CERTFOR, CERFLOR.

Os bosques en perigo

Son áreas boscosas no mundo que precisan protección do uso industrial para manteren o seu valor ecolóxico. A identificación, os límites e a protección dos bosques en perigo están suxeridos no traballo de consulta titulado “Ecological Components of Endangered Forests” [Componentes ecolóxicas dos bosques en perigo]. Este traballo está dispoñíbel en forestethics.org/article.php?id=1176.

Análise de paisaxe e deseño da área de conservación

Unha ferramenta para a planificación de conservación en múltiples escalas espaciais que permite a creación e a exploración de panoramas de manexo de terras relacionados coas seguintes catro metas:
-Representar todos os tipos de ecosistemas autóctonos en toda a súa gama natural de variación.
-Manter poboacións viábeis de todas as especies autóctonas en patróns naturais de abundancia e distribución.
-Manter os procesos ecolóxicos e evolutivos.
-Garantir a capacidade de resistencia aos cambios ambientais a curto e longo prazo.

Fontes de fibra controvertidas

1.Áreas boscosas onde se violan os dereitos tradicionais ou civís.
2.Bosques non certificados cun Alto Valor de Conservación que están en perigo.
3.Árbores ou cultivos xeneticamente modificados (XM).
4.Áreas boscosas que foron taladas de forma ilegal.
5.Bosques naturais talados para plantacións ou outros usos.

O Consello de Manexo Forestal (FSC) ten regras para excluír estas fontes de calquera parte non certificada de calquera produto certificado. As regras para a implementación están contempladas nas regras de Cadea de Custodia para a “Madeira Controlada” do FSC.

Organismos xeneticamente modificados (OXMs)

Organismos biolóxicos que foron inducidos a teren cambios xenéticos estruturais a través de varios medios (Principios e Criterios do FSC, feb. 2000) ou especies que foron xeneticamente alteradas utilizando técnicas con ADN recombinante (ADNr). Opómonos ao uso de calquera OXM utilizado nos procesos de produción de papel, para fibra ou para calquera outra sustancia como almidón ou tintes.

Fibras agrícolas alternativas

Éstas inclúen residuos agrícolas, como a palla, ou cultivos agrícolas, coma o cáñamo, que algúns defensores suxiren se poderían cultivar, por exemplo, en parte das 90 millóns de hectáreas de terra agrícola europea que se supón sexan sacadas de produción. Para máis detalles, véxase: http://www.oldgrowthfree.com/Second%20Harvest.html.

Manexo integrado de pragas

Manexo de pragas, o que inclúe os fungos e as malas herbas, sen recorrer a herbicidas, pesticidas, funxicidas, etc. que conteñan sustancias químicas tóxicas.

Produtos reciclados

Post Consumo: Material reciclado que se recolleu despois de que o material cumprise co seu uso final. Non inclúe as correntes de residuos dos procesos industriais nin as publicacións non vendidas.
Destintados Pre Consumo: Material reciclado que se imprimiu mais non cumpriu co seu uso final, como os desperdicios impresos das imprentas e as publicacións non vendidas.
Non Impresos Pre Consumo: Material reciclado que nunca se imprimiu, como pedazos de sobres.
Fibra Agrícola Reciclada: Material reciclado de correntes de residuos agrícolas ou outras correntes de residuos que conteñen fibra que non é de madeira.

Xerarquía dos procesos de desfibrado e branqueo 

Proceso

Cómo funciona

Procesado sen Cloro (PCF, polas súas siglas en inglés) & Totalmente Libre de Cloro (TCF, polas súas siglas en inglés)*

Reempraza por completo os compostos de cloro por compostos con base de osíxeno.

ECF (Sen Cloro Elemental) mellorado con ozono ou peróxido de hidróxeno


Utiliza o ozono ou o peróxido de hidróxeno como axente branqueador nas etapas iniciais dos procesos de branqueo. (Na etapa final ou case final utilízase o dióxido de cloro.)

ECF con deslignificación estendida ou con osíxeno (“ECF mellorado”)


Elimina unha maior cantidade de lignina antes do branqueo reducindo así o uso de enerxía e sustancias químicas durante o proceso de branqueo. (Na etapa final utilízase o dióxido de cloro.)

Sen Cloro Elemental (“ECF tradicional”)


Reempraza o cloro elemental polo dióxido de cloro.

Cloro Elemental

Utiliza cloro elemental para branquear a pulpa.

 *Os termos PCF e TCF refírense ao papel producido sen cloro ou compostos de cloro. Segundo se utilizan no mercado hoxe, o papel PCF é preferíbel porque contén fibra reciclada, mentres que TCF refírese só a papel 100% virxe. 

Global Reporting Initiative

O Global Reporting Initiative (GRI) é un mecanismo internacional para garantir que as industrias de todos os sectores presenten informes de responsabilidade social e ambiental. O GRI aínda non ten guías específicas para o sector forestal ou do papel, e ésta é unha debilidade que se debe abordar para mellorar a credibilidade da presentación de informes deste sector. Porén, malia esta debilidade, o GRI é o mellor mecanismo recoñecido a nivel internacional para guiar á industria cara a comunicación transparente e aberta coas partes interesadas. Véxase www.globalreporting.org.

Powered by Bullraider.com