Unha visión común para transformar a industria europea do papel

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Segundo o acordado na reunión do Movemento Forestal Europeo (FME, polas súas siglas en inglés) do 2 de Outubro de 2005. Unha proposta apoiada no noso país por Verdegaia.

 

Vision_industria_papel.pdf Descarga o documento

Preguntas frecuentes 

Visión a longo prazo

Nós, os abaixo asinantes, queremos ver unha Europa futura que consuma radicalmente menos papel que na actualidade, cuxo papel o fabrique unha industria que dependa menos da fibra virxe das árbores, maximice o uso dos materiais reciclados, respecte os dereitos territoriais da poboación local, ofreza emprego e teña impactos sociais que sexan beneficiosos, non teñan conflitos e sexan xustos. Queremos ver que todo o papel de Europa se fabrique de fibras de fontes responsábeis e sustentábeis utilizando enerxía completamente renovábel, con auga que estea igual de limpa antes e despois da produción do papel e que non produza ningún residuo nin emisión.

Traballo cara a visión

Para traballar cara a esta visión a longo prazo, este documento establece unha axenda para a transformación da industria dentro dos próximos 10 anos.

O papel desempeñou un rol importante na civilización e, na historia da fabricación de papel, a industria evolucionou continuamente para se enfrontar aos desafíos e lograr o desenvolvemento empresarial e o cambio tecnolóxico. O século vinteún está presentándolle novos desafíos á industria do papel a medida que os fabricantes e os consumidores se van decatando dos impactos ambientais e sociais da actividade industrial e se comprometen cun futuro sostíbel.

A pegada ecolóxica total de Europa2 é 2.2 veces a súa capacidade biolóxica e aumentou o 70% desde principios dos anos sesenta. A pegada de todos os países individuais da Unión Europea é maior có nivel sustentábel mundial, o que indica a necesidade de reducirmos o consumo en todos os sectores da economía a menos da metade dos niveis actuais.

Aínda que os produtos de papel producen moitos beneficios, a demanda crecente de papel da sociedade europea deixa unha pegada ecolóxica inaceptabelmente grande no planeta. Algunhas proxeccións mostran que o consumo de papel per cápita aumentará de maneira considerábel nos próximos 10 anos3. Na actualidade, Europa consome 205 quilogramos de papel per cápita, catro veces o promedio mundial. Europa consome 80 millóns de toneladas de papel cada ano, o 25% do consumo mundial.

Debido á súa magnitude, ubicación e uso de recursos, a industria do papel ten unha responsabilidade especial de transformar os seus patróns de produción e consumo cara a procesos que sexan responsábeis en termos ecolóxicos e sociais tanto en Europa como noutros lugares. Europa é unha grande importadora de pulpa e papel doutras rexións e as compañías europeas de papel tamén están expandindo as súas operacións de produción e venda a escala mundial.

Un problema apremiante

A produción, o consumo e os residuos de celulosa e papel en Europa teñen moitos impactos ambientais e sociais negativos en todo o planeta. Nalgúns casos, a industria da celulosa e o papel poñen en perigo o sustento dos pobos e teñen impactos negativos na saúde, o benestar e a estabilidade das comunidades locais. A produción de papel xera contaminantes do aire e a auga, produtos residuais e os gases que ocasionan mudanzas climatolóxicas. Esta industria tamén é un dos maiores consumidores de materias primas, como a auga doce, a enerxía e a fibra de bosques.

Os bosques son esenciais para o hábitat da vida silvestre, a conservación da biodiversidade, a protección do clima, o aire e a auga limpa, o sustento da poboación local e a sobrevivencia cultural, a experiencia espiritual e a recreación dos pobos indíxenas e, porén, no mundo, estanse talando moitos bosques maduros e outros bosques en vías de extinción e con alto valor de conservación para obter fibra. Nalgúns lugares, estanse talando os bosques ou outros ecosistemas naturais para converter a área en plantacións de limitado valor ecolóxico que utilizan herbicidas e fertilizantes con sustancias químicas tóxicas e teñen consecuencias devastadoras para a poboación local. O continuo crecemento do sector das plantacións pode exacerbar estes problemas.

Na actualidade, o noventa por cento da fibra utilizada para fabricar papel provén de bosques e plantacións, mais hai oportunidades significativas para reducir o impacto nos bosques a través dunha xestión dos bosques máis sustentábel e a través da reciclaxe e o uso de fibras agrícolas alternativas.

A industria do papel foi un importante foco de presión das organizacións non gobernamentais (ONGs) hai arredor de 10 anos e houbo algún progreso. Sen embargo, aínda quedan importantes problemas por resolver e, en moitos casos, exportáronse os problemas de contaminación. Aos adquisidores importantes de papel preocúpaos o ciclo vital dos produtos que compran e as ONGs achan que a industria do papel é un actor importante que ten grandes impactos en comunidades arredor do mundo, o mesmo que nos bosques, a auga doce e o clima mundial.

A industria do papel ten unha tradición de innovación, e pode, ou mellor dito, debe aceptar este repto.

Metas para transformar a produción, o comercio e o uso de papel

Nós, as ONGs asinantes, facemos un chamamento á industria do papel, aos consumidores e consumidoras, aos gobernos e ás organizacións non gobernamentais para que adopten e se comprometan con accións urxentes cara as seguintes metas, que se aplican a todo o ciclo vital do papel4:

  • diminuír o consumo de papel;

  • reducir a dependencia da fibra virxe;

  • garantir a responsabilidade social;

  • abastecerse de fibra responsabelmente;

  • garantir a produción limpa.

Reducir o consumo de papel

  • Eliminar o consumo de papel excesivo e innecesario.

  • Desenvolver e promover tecnoloxías e sistemas creativos e innovadores que reduzan o consumo de fibra e maximicen a eficiencia.

  • Traballar cos consumidores e consumidoras de forma proactiva para lles ensinar a reducir o consumo de papel.

Reducir a dependencia da fibra virxe de árbores

  • Maximizar o contido de fibra reciclada post consumo no papel e os produtos de papel e desenvolver máis produtos de papel 100% reciclados.

  • Maximizar a reciclabilidade e apoiar a captación e os sistemas mellorados de recolla de residuos de papel reciclábeis de forma proactiva.

  • Maximizar a eficiencia da fibra reducindo as gramaxes do papel e o deseño dos produtos.

  • Aumentar o uso doutros materiais recuperados (por exemplo, residuos agrícolas e contido reciclado pre consumo) como unha fonte de fibra para o papel.

  • Raramente fabricar papel unicamente de fibra virxe de árbores.

Garantir a responsabilidad social

  • Respectar os dereitos humanos e cumprir e proactivamente desenvolver as normas sociais e laborais fundamentais5 e os convenios internacionais pertinentes6 para a protección dos dereitos humanos.

  • Garantir o consentemento libre e informado da poboación local a través de métodos de consulta significativos e adecuados desde o punto de vista cultural nas áreas de onde proveñen as materias primas e onde ocorre a produción.

  • Recoñecer e respectar os dereitos con base legal ou tradicional dos pobos indíxenas a controlaren as súas terras tradicionais e protexeren a súa identidade cultural.

  • Respectar os dereitos das comunidades locais a un ambiente san e os dereitos de participación como partes interesadas principais na planificación do uso da terra.

  • Asegurar os dereitos dos traballadores e traballadoras, o que inclúe os traballadores e traballadoras dos subcontratistas, a un emprego beneficioso e un ambiente de traballo seguro.

  • Inverter a tendencia cara a unidades industriais cada vez máis grandes e promover a propiedade comunitaria e o desenvolvemento dunha diversidade de pequenas e medianas empresas no sector do papel.

  • Respectar e apoiar as economías locais sobre a base dunha visión social e ambiental a longo prazo preparada xunto coas comunidades e os negocios locais.

Abastecemento de fibra responsábel

  • Deixar de se abastecer de fibra de madeira de fontes, provedores ou operacións descoñecidas, ilegais ou controvertidas.

  • Eliminar o uso de fibra de madeira que poña en perigo os bosques e os ecosistemas en vías de extinción e con alto valor de conservación.7

  • Eliminar o uso de fibra proveniente da conversión de bosques naturais ou outros ecosistemas con alto valor de conservación en plantacións para fibra de papel8.

  • Abastecerse de cualquera fibra de madeira virxe para papel de xestores forestais que teñan unha certificación críbel, independente e dun terceiro de que utilizan as prácticas de manexo e restauración forestal máis ambiental e socialmente responsábeis. O Consello de Manexo Forestal (FSC, polas súas siglas en inglés) é, na actualidade, o único programa de certificación internacional que se achega a atinxir esta meta.

  • Desenvolver o uso de cultivos alternativos para o papel se unha análise exhaustiva e críbel indica que son ambiental e socialmente preferíbeis a outras fontes de fibra virxe.

  • Eliminar o uso industrial de pesticidas, herbicidas e fertilizantes químicos na produción de fibra e aplicar o manexo integrado de pragas.

  • Rexeitar a fibra de organismos xeneticamente modificados.

  • Substituír “o afastado polo próximo”, utilizando fibra abastecida localmente e minimizando o transporte cando for posíbel.

Garantir a produción limpa

  • Minimizar o consumo de enerxía e utilizar só fontes de enerxía renovábel.

  • Utilizar a mellor tecnoloxía dispoñíbel para minimizar o uso de auga, enerxía, sustancias químicas e outras materias primas e minimizar as emisións ao aire e á auga, os residuos sólidos e a contaminación térmica.

  • Eliminar os desperdicios tóxicos e as descargas das fábricas de papel.

  • Reducir a brillantez dos produtos para diminuír os niveis de branqueo.

  • Eliminar o uso de cloro e compostos de cloro para o branqueo.

  • Deseñar sistemas de produción para minimizar os residuos maximizando a reutilizabilidade e a reciclabilidade dos produtos finais.

  • Garantir que os sistemas de produción non entorpezan a produción local de alimentos nin poñan en perigo os servizos ambientais ou os recursos do ecosistema, como a calidade da auga, e o seu uso equitativo.

Traballarmos xuntos cara a unha solución

Nós, os asinantes, unímonos para transformarmos a produción e o consumo de papel de forma positiva. Entendemos que alcanzar estas metas podería supor importantes sacrificios e que se necesita máis investigación nalgúns asuntos. Tamén recoñecemos o rol único e complementario que desempeña cada compañía, organización, goberno e individuo en levar á industria do papel cara a sustentabilidade ambiental e social.

Facemos un chamamento aos gobernos e á industria a implementaren esta visión con completa transparencia:

  • desenvolvendo políticas e obxectivos vinculantes e comprometéndose cun proceso atado a un prazo de tempo para cumprir estas metas;

  • comprometéndose a presentar informes transparentes, regulares, públicos e exhaustivos sobre o progreso destas metas utilizando como marco as guías do Global Reporting Initiative.

  • demostrando e presentando informes sobre a cadea de custodia para todos os produtos;

  • garantindo que todos os produtos finais estean etiquetados para informar aos consumidores e consumidoras sobre o contido de fibra e para prover lugares onde a información sobre as fontes e os métodos de produción estea dispoñíbel publicamente.

Comprometémonos a:

  • facer campañas en contra de actividades da industria da celulosa e o papel que sexan prexudiciais en termos sociais e ambientais;

  • seguir o progreso da industria cara a esta visión;

  • desenvolver a colaboración/o diálogo entre as ONGs, a industria progresista e outras institucións;

  • animar aos gobernos a desenvolveren medidas lexislativas e fiscais acordes coa visión;

  • traballar con organizacións de rexións de fóra de Europa que reciben o impacto da industria europea do papel;

  • elaborar guías sobre compras e adquisicións responsábeis.

--------------------------------------------------------------------------

    1. Mandy Haggith, This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it., +44-(0)1571 844020

    2. Véxase ecologicalfootprint.com

    3. Fonte, Jaakko Poyry.

    4. O ciclo vital inclúe todo o sistema de produción incluído o abastecemento, o desfibrado, a produción, o transporte, o uso, a reciclaxe múltiple e o residuo da fibra.

    5. Dereitos Fundamentais no Traballo da OIT: a liberdade de asociación, o dereito de organización e de negociación colectiva, a abolición do traballo forzoso, a eliminación do traballo infantil e a prohibición de discriminación en materia de emprego e ocupación (igualdade de oportunidades e de trato).

    6. Convenio 169 da OIT para a Protección dos Dereitos dos Pobos Indíxenas, Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948), Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial das Nacións Unidas (1966), Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (1966), Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (1966).

    7. Algúns bosques son tan pouco comúns, están en tanto perigo de extinción, son tan ecoloxicamente vulnerábeis ou teñen tanta importancia biolóxica ou cultural a escala mundial que cualquera tala ou uso comercial podería prexudicar o seu valor de conservación de xeito irreparábel. Para máis detalles, ver “Wye River” documento de consulta “Endangered Forests: High Conservation Value Forests Protection – Guidance for Corporate Commitments” [Bosques en perigo de extinción: a protección dos bosques con alto valor de conservación – Guías para compromisos corporativos], e ler as Preguntas comúns para máis información sobre os bosques con alto valor de conservación.

    8. Pódese permitir algunha conversión cuando ésta for acordada dentro dun proceso exhaustivo para Bosques con Alto Valor de Conservación (HCVF, polas súas siglas en inglés) coa participación transparente das partes interesadas.

Powered by Bullraider.com