Ideario

Ideario

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo
Ideario de Verdegaia

SUSTENTABILIDADE ECOLÓXICA

Verdegaia defende unha sustentabilidade ecolóxica forte, que pon en causa o actual modelo socio-económico e o conxunto do industrialismo, sistema que entendemos cumpre superar democraticamente canto antes se é que realmente desexamos construír un mundo no que podermos (con)vivir en paz. Defendermos a sustentabilidade ecolóxica implica aceptar os límites; apostar por reducir a nosa pegada ecolóxica; optar por organizar as nosas vidas sen necesidade de devorar o planeta, empobrecer a biodiversidade e estender a inxustiza; desenvolver novas formas de producir menos contaminantes e máis eficientes... supón vivir, mais non á custa dos demais habitantes do planeta, humanos e non-humanos, actuais e futuros.

XUSTIZA SOCIAL

A insustentabilidade ecolóxica xera inxustiza social dentro e entre países, así como a respecto das xeracións futuras. Entendemos que a procura de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social deben ir ligadas: non é posíbel xustiza social perdurábel e/ou global sen sustentabilidade ecolóxica, e non é desexábel unha sustentabilidade ecolóxica construída sobre a inxustiza.

PAZ

Entendemos a paz como ausencia de violencia directa, estrutural e cultural e acreditamos na propia paz como camiño, na nonviolencia como medio para superar as diferentes violencias. Para construír un mundo no que realmente podermos (con)vivir en paz -humanos e non-humanos, actuais e futuros-, cumpre non só estender os valores da cultura de paz, é tamén imprescindíbel avanzar en termos de xustiza social e sustentabilidade ecolóxica, así como defender os Dereitos Humanos, dos Animais e dos Pobos. Verdegaia rexeita o militarismo, reclama o desarmamento e aspira á abolición dos exércitos e a guerra.

DEMOCRACIA PARTICIPATIVA

Defendemos a procura dunha saída emancipatória -e, xa que logo, democrática- á crise ecolóxica global, e alertamos sobre a seria posibilidade de que fórmulas autoritarias se abran paso rapidamente se non afrontamos inmediatamente este repto. Achamos necesario avanzar cara a formas de democracia o máis participativas posíbel que permitan un ordenamento das nosas vidas máis reflexivo, responsábel e acorde coa vontade cidadá. Unha democracia participativa, reflexiva e ecolóxica como a que procuramos, que teña en conta as consecuencias das nosas tomadas de decisións, que dea voz a quen non a ten -humanos doutros lugares, non-humanos e xeracións futuras-, esixe, para alén da participación da cidadanía, o acceso desta á información e á xustiza en asuntos ambientais.

AUTOORGANIZACIÓN DA CIDADANÍA GALEGA

A nosa sociedade referente é a galega, nela nos organizamos e aspiramos a contribuír para a creación dunha cidadanía galega forte. Entendemos que para a construción dun país ecoloxicamente sustentábel, socialmente xusto e radicalmente democrático, é imprescindíbel unha cidadanía forte, autoorganizada, responsábel, empática e solidaria, na que os principios e valores ecopacifistas sexan hexemónicos. Defender a autoorganización cidadá galega non é apostar polo autoillamento de Galiza. Os cambios necesarios a nivel local e global para superarmos dun modo emancipatorio o industrialismo e a crise ecolóxica derivada deste, requiren tamén visión global, diálogo e alianzas entre organizacións sociais de todo o planeta.

INDEPENDENCIA E APARTIDISMO

Non é posíbel unha cidadanía autoorganizada e forte sen organizacións sociais soberanas, alleas ao control por parte de empresas, gobernos e partidos políticos. Verdegaia é unha asociación apartidaria e independente, mais non por iso apolítica. A política non pode nin debe ser reducida ao ámbito institucional e partidario. Ao defendermos uns ambiciosos obxectivos de transformación social, autoorganización cidadá e democracia participativa estamos a facer política, estamos a realizar unha forte aposta polo exercicio da política da cidadanía, que non é menos importante que a institucional e partidaria.

DEFENSA DOS DIREITOS DOS ANIMAIS NON-HUMANOS E DEMAIS SERES VIVOS

Os seres humanos industrializados de hoxe non somos nin os únicos nin os derradeiros habitantes do planeta, hai e debería poder haber muitos outros máis. Debemos organizar as nosas vidas sen hipotecar as do resto de habitantes do planeta, actuais e futuros, que teñen tanto dereito como nós a un ambiente saudábel e a vivir en paz. Os animais non-humanos son seres vivos con necesidades, sentimentos e capacidade de sufrimento, non obxectos para o noso uso e desfrute. Non temos dereito a facer sufrir inecesariamente a outros seres vivos nin a os extinguir.

DEFENSA DA DIVERSIDADE CULTURAL E LINGÜÍSTICA

Defender un mundo no que podermos (con)vivir en paz -pobos, culturas, humanos e non-humanos, de hoxe e de mañá-, supón defender a biodiversidade, mais tamén a non menos ameazada diversidade cultural e lingüística (cos Dereitos Humanos e dos Animais como límite). Como organización social galega asumimos o compromiso de manter vivas e defender a lingua e cultura galegas.

SUPERAR TAMÉN O PATRIARCADO

Industrialismo, patriarcado e modelo heterosexista están estreitamente relacionados. O patriarcado é un sistema de dominación violento que procura o sometemento ao home de máis da metade da humanidade e do resto da biosfera. Os que primeiro están a sufrir os rigores da crise ecolóxica global á que nos levou o industrialismo son os que menos beneficios tiraron del, entre os que destacan as mulleres das periferias. A humanidade toda, e o conxunto da biosfera, ten muito que gañar emancipándose do patriarcado: a vida.