Proposta de Corredor Ciclable Prz.América-G.Barbón

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Foto NP Corredor CiclableCo gallo da celebración do Dia mundial da bicicleta este venres 19 de Abril, Verdegaia presentará á concellería local de Mobilidade unha proposta para potenciar a utilización da bici como medio de transporte alternativo na cidade de Vigo.

A bicicleta promove un estilo de vida saudable fronte ao crecente sedentarismo da sociedade, non xera contaminación atmosférica nin acústica e evita que as rúas estean ateigadas de coches e motos que a diario xeran contextos de perigo para os demais usuarios da vía pública.


Ademais dunha magnífica forma de realizar deporte, a bicicleta ven asumindo un papel principal na xestión da mobilidade urbana. Segundo dados da DGT, cerca de tres millóns de persoas utilizan a bici a diario e dende 2008 os desprazamentos ao local de traballo/estudio aumentaron preto dun 60%[1].

Esta evolución levou a que moitas cidades observen a bicicleta como o medio idóneo para solucionar os problemas de mobilidade urbana. De tal modo que en 2009 creouse a Red de ciudades por la bicicleta, á que xa pertencen máis de 50 concellos e consorcios de transportes, co obxectivo de promover o uso da bicicleta como medio de transporte alternativo nos desprazamentos urbanos[2].

Dende Verdegaia estamos convencidos que na nosa cidade tamén podemos aproveitar o potencial da bicicleta, e unha simple análise da topografía urbana descúbrenos diversos tramos perfectamente ciclables.

A creación dun carril bici entre a praza América e García Barbón xeraría unhas condicións excelentes para desprazarse con seguridade entre unha das zona máis poboadas da cidade e o centro por rúas sen apenas pendentes (López Mora e Pi y Margall). As medidas que tivemos ocasión de presentar con anterioridade á humanización destas rúas manteñen a súa idoneidade, xa que permitirían a circulación en ámbalas direccións e deste modo crear un verdadeiro corredor ciclable na cidade:

  • colocar un semáforo específico para bicicletas na intersección de López Mora con Camelias, de modo a permitir o acceso a López Mora vindo de praza América;
  • carril exclusivo para bicis no tramo de López Mora entre Camelias e o cruce con Pintor Lugrís;
  • compartir o carril bus no resto de López Mora e en Pi y Margall;
  • compartir o carril bus en García Barbón entre Colón e República Arxentina.

A implantación destas medidas acompañada de campañas de sensibilización sobre a necesidade de respectar a velocidade máxima, todo o treito é actualmente Zona 30, crearían as condicións necesarias para normalizar o uso da bicicleta e garantir a seguridade dos que xa a empregan.

Para unha correcta implantación destas medidas é fundamental que o concello retome a 'Comisión municipal da bicicleta', órgano consultivo creado en Abril de 2005 pero que non é convocada dende o 2006 e que, tal como ocorre noutras cidades, debe constituír o foro no que autoridades e ciclousuarios poñen en común proxectos e inquedanzas para determinar as medidas máis apropiadas para promover o uso da bicicleta.
______________

[1] http://www.dgt.es/revista/num211/reportajes.html

[2] http://www.ciudadesporlabicicleta.org/content/objetivos

Powered by Bullraider.com