Carta aberta de pola Vía Verde Pontevedra Vigo

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

logos.svgCarta aberta a cidadáns institucións e partidos políticos.

O vindeiro Domingo 17 de Setembro e con motivo da Semana Europea da Mobilidade, as  asociacións de usuarios de bicicleta A Golpe de Pedal de Vigo e Pedaladas de Pontevedra e mais a asociación Salinas de Ulló de Vilaboa, e co apoio das asociacións de ciclousuarios de Arousa en Bici de Vilagarcía, Composcleta e Asciga de Santiago de Compostela e Crunia de A Coruña, convocamos por segundo ano consecutivo a “Marcha – manifestación pola mobilidade sostible – Vía Verde Pontevedra – Vigo”.

Demandamos con esta marcha a creación dunha Vía Verde ou vía para bicicletas e peóns entre a cidade de Pontevedra e a cidade de Vigo, co aproveitamento das vías do tren sen  uso existentes entre ambas cidades e que a día de hoxe se atopan totalmente abandonadas comezando a xerar incluso un problema de saúde pública e risco de incendio en zonas poboadas.

Na actualidade o modelo de mobilidade se amosa insostible e representa un gran reto  para a conservación do planeta. Cremos que a recuperación do trazado ferroviario e a creación de conexións ciclistas/peonís é unha oportunidade para toda a comarca. Fundamos esta reivindicación en:

  •     Conexións das parroquias cos centros urbanos.


A vía verde entre Pontevedra e Vigo é unha oportunidade para saldar a débeda coas parroquias rurais dos Concellos que atravesa e establecer con elas unha conexión segura que facilite a mobilidade activa nunhas distancias perfectamente válidas para desprazamento a pé ou en bicicleta. Conectar Tomeza con Pontevedra, Figueirido co Toural e con Paredes en Vilaboa, Arcade con Paredes e con Cesantes, Cesantes con Redondela e Redondela con Cedeira, Rande e Chapela e Chapela con Teis e o centro de Vigo.

    Posta en valor da Rede Natura na Enseada de San Simón.


A Vía Verde Pontevedra – Vigo é unha oportunidade para destacar e preservar o alto valor ambiental e histórico que temos na Enseada de San Simón, recoñecida como espazo Rede Natura europeo. A vía verde pode acercar á poboación e dar a coñecer de xeito integrador e respectuoso co medio estes grandes valores contidos na parte interior da Ría de Vigo, xa que percorrería toda a cara Leste e Sur da enseada de San Simón.

  •     Unha oportunidade  económica para o rural.


Esta conexión de mellora do acceso das parroquias cos centros urbanos é tamén unha oportunidade para o rural e o seu desenvolvemento. Serve para resolver un problema de mobilidade importante en Galicia debido á súa grande dispersión da poboación pero tamén para fixar poboación no sector servizos asociado ao turismo.

  •     Oportunidade para un turismo sostible e desestacionalizado.


Existen  problemas de masificación e estacionalización do turismo. A Vía Verde, cos valores ambientais xa mencionados, é unha oportunidade económica para todos os Concellos da zona, e sobre todo as súas áreas rurais, coa promoción do Cicloturismo, un turismo verde en bicicleta totalmente implantado en toda centroeuropa que escapa das grandes aglomeracións e da estacionalización no verán. A rede de vías ciclables Eurovelo é o maior expoñente desta potencialidade económica sostible, unha rede promovida pola propia Unión Europea e que a día de hoxe chega ata Caminha, na fronteira portuguesa con Galicia, polo que está Via Verde sería un posible tramo da Ruta Eurovelo Atlántico.

  •     Fomento dunha mobilidade máis sostible co planeta e saudable para as persoas.


Actualmente estamos inmersos na necesidade dun cambio de modelo de mobilidade, deixando atrás o  modelo baseado en vehículos a motor, coas correspondentes emisións de gases contaminantes, ruído , riscos para a seguridade das persoas, impulsor do sedentarismo e problemas de saúde asociados e demandante incesante de infraestruturas moi custosas económica e ambientalmente. No seu lugar xa se promove desde Europa un cambio cara un modelo centrado no peón, a bicicleta e o transporte público, máis sostible e saudable que deixe o vehículo particular só para aqueles casos nos que outra opción non é viable. As distancias entre parroquias e centros urbanos pola vía verde, en xeral son inferiores a 10 Km ou 30 minutos, que fan da mobilidade en bicicleta unha das mellores opcións de comunicación nestes ámbitos.

  •     Unha infraestrutura de baixo custo e de posta en valor de vías abandonadas.


En comparación coas grandes infraestruturas para o tráfico a motor, como o desdobramento do Corredor do Morrazo, a Ponte de Rande a nova autovía de Pontevedra ao Confurco e Vigo; a Vía Verde co aproveitamento das vías do tren fora de uso e de camiños rurais tradicionais e de servizo existentes, ten a día de hoxe un trazado xa case definido entre Pontevedra e Vigo polo que require dunha inversión moito menor que calquera das infraestruturas motorizadas mencionadas.

  •     Forma parte da futura e verdadeira rede galega de vías ciclistas e peonís.


Actualmente, en Galicia xa foi cedida a vía do tren sen uso entre Barro e Vilagarcía e entre Santiago de Compostela e Cerceda. Coa vía de Vilagarcía, xa en proceso de conversión en Vía Verde, practicamente xa sería posible conectar as tres principais cidades do Sur de Galicia a pé e en bicicleta artellando un eixo verde no sur de Galicia e a futura rede Eurovelo Atlantica, que debera continuar pola provincia de Coruña cara a Costa da Morte ata chegar as cidades de A Coruña e Ferrol. Artellando así unha gran rede de turismo activo comparable ao Camiño de Santiago e sendo un activo turístico e motor económico.

Petición aos partidos políticos e institucións:

Por todos estes motivos, e seguramente moitos máis, dende as asociacións convocadoras e aquelas que nos apoian pedimos a todos os partidos políticos e a todos os gobernos dos Concellos de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo, así como á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia, e sobre todo, ao Ministerio de Fomento e ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF):

- Que deades o voso apoio unánime a posta en marcha desta Vía Verde Pontevedra – Vigo coa vosa presenza ao paso da marcha ciclista Pontevedra – Vigo do próximo Domingo 17 de Setembro,  en Pontevedra 9:00, Arcade 10:30, Redondela11:30 , Chapela 12:30 e Vigo 13:30-14:00.

- Que se aprobe nos plenos locais, provinciais e autonómico a demanda desta Vía Verde Pontevedra – Vigo e a creación completa da primeira vía verde ciclista e peonil de Galicia, ben dimensionada por toda a costa galega, futura Ruta Eurovelo Atlántica de Galicia.

- Que se demande e dean os pasos definitivos para a cesións das Vías do Tren fora de uso á Fundación Vías Verdes ou o organismo competente para a súa posta en valor.

- Que se fale coas asociacións galegas para a definición do proxecto de trazado da Vía Verde Vigo – Pontevedra – Vilagarcía e a súa continuación cara a provincia da Coruña coa extensión da Ruta Eurovelo Atlántica, a día de hoxe existente por toda a costa portuguesa ata Caminha.

- Que se requira un presuposto para levar a cabo todos estes pasos e a pronta execución dunha infraestrutura para a mobilidade sostible e alternativa.

Dende as asociacións convocadoras esperamos a boa receptividade deste desexo colectivo por unha Galicia máis sostible e que saiba recoñecer e coidar o seu grande valor ambiental e humano.

En Pontevedra, Vilaboa e Vigo, a 7 de Setembro de 2017.

Adhesións de asociacións e federación:

Asociación Pedaladas (Pontevedra)
Arousa en Bici (Vilagarcía)
Asociación Salinas do Ulló (Vilaboa)
Asociación Crunia (A Coruña)
A Golpe de Pedal (Vigo)
Asociación de Ciclistas Galegos (Santiago)
Composcleta (Santiago)
Verdegaia (Autonomía)
Mobi-Liza (A Coruña)
Federación Galega de Ciclismo (autonómica)

Powered by Bullraider.com