Preto de 100 organizacións de todo o mundo critican os plans da axencia das Nacións Unidas para a aviación

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Recent deforestation on peatland for palm oil plantation -  glennhurowitz - Flickr - (CC BY-ND 2.0) Organizacións ambientais e de desenvolvemento dos cinco continentes enviáronlle hoxe unha carta aberta á axencia de aviación das Nacións Unidas (OACI), criticando a súa proposta de utilizar biocombustibles a grande escala na aviación. A carta asinada por 96 organizacións declara que o uso de biocombustibles a escala masiva terá como consecuencia inevitable a expansión da palma aceiteira [1], causando máis deforestación, aumentando as emisións que producen o cambio climático e máis roubos de terras e violacións de dereitos humanos. Esta proposta discutiraa esta semana (do 11 ao 13 de outubro) a Organización de Aviación Civil Internacional (OACI) na súa Conferencia sobre a Aviación e os Combustibles Alternativos en Cidade de México.

De acordo á “visión” da proposta de OACI, a industria da aviación pretendería utilizar 5 millóns de toneladas de biocombustibles ao ano desde 2025, que aumentarían a 286 millóns de toneladas en 2050 – máis de tres veces a cantidade de biocombustibles que se producen hoxe [2]. É parte dun intento da industria da aviación, xunto á OACI, de manter un elevado nivel de crecemento do seu sector presentándoo como “ neutral en termos de carbono” desde 2020 [3].

Un informe en profundidade publicado por Biofuelwatch [4] a pasada semana [5] amosa que ningunha outra substancia máis que o aceite de palma se pode utilizar para producir biocombustibles en cantidades industriais para a aviación, porque calquera outra materia prima presenta dificultades ou ben técnicas ou ben económicas.

Mary Louise Malig da Coalición Mundial polos Bosques , unha das organizacións asinantes da Carta Aberta di: “Os biocombustibles son xa causa de deforestación a grande escala, e de máis roubos de terras, violacións de dereitos humanos, perda de soberanía alimentaria e seguridade alimentaria. Abastecer con eles os avións ademais dos automóbiles vai multiplicar estes graves impactos, e non serve para combater o cambio climático”.

Almuth Ernsting de Biofuelwatch declarou: “Se os membros de OACI aproban a proposta da Secretaría, estarán mandándolles un sinal moi perigoso ás empresas de aceite de palma de todo o mundo, que son as principais beneficiarias e están dispostas a aproveitar a oportunidade para apoderarse de máis territorios para as súas plantacións”.

As emisións de gases de efecto invernadoiro da aviación internacional creceron un 87% entre 1990 e 2014 [5] e están aumentando máis rápido que as de case calquera outro sector. As organizacións enfatizan que existe a urxente necesidade de reducir ese crecemento en espiral se se lle quere dar ao mundo a oportunidade de cumprir cos compromisos do Acordo de París.

“A industria das aeroliñas quere que creamos que se está convertendo nunha industria verde, mentres planifica aumentar drasticamente as súas emisións de carbono desde agora até mediados de século. A solución que propoñen é utilizar máis biocombustibles -o que significa aceite de palma – pero simplemente acelerará a destrución dos bosques tropicais do mundo. Por que terían que reducir outros sectores as súas emisións se a aviación fai a vista gorda?” declarou Julia Christian, campaigner da ONG Fern en defensa dos bosques.

Pola súa parte, Carlos Calvo Ambel, manager de análise e clima en Transport & Environment (T&E) dixo: “As emisións da aviación creceron exponencialmente, impulsadas por subsidios públicos como a exención de impostos ao combustible ou a ausencia de IVE. O conto dos biocombustibles non debe utilizarse como outra forma de maquillar de verde os impactos do sector. Polo contrario, a OACI debería ocuparse de que a aviación pague os impostos que lle corresponden e de promover medidas reais que reduzan as emisións do sector”.


Notas:
[1] A carta aberta está dispoñible en galego en https://app.box.com/s/muskf4ydkj0gn5g114ygxkapg41sgvha y su original en inglés en https://www.biofuelwatch.org.uk/2017/aviation-biofuels-open-letter

[2] A “Proposta de Visión da OACI sobre os combustibles de aviación alternativos” encóntranse en https://www.icao.int/Meetings/CAAF2/Documents/CAAF.2.WP.013.4.é.pdf. Débese destacar que no documento, todos os “combustibles alternativos” dispoñibles potencialmente son biocombustibles.

[3] A Asemblea de OACI adoptou en outubro 2013 un obxectivo ideal global de “crecemento neutral de carbono desde 20120”, ver: www.icao.int/environmental-protection/Pages/A39_CORSIA_FAQ1.aspx

[4] Biofuelwatch, www.biofuelwatch.org.uk/ (Observatorio de Biocombustibles) é unha organización británica-norteamericana que investiga sobre bioenerxía.

[5] O informe de Biofuelwatch “Aviation biofuels: How ICAO and industry plans for “sustainable alternative aviation fuels” could lead to plans flying on palm oil” (Os biocombustibles para a aviación: cómo OACI e os plans da industria de “combustibles alternativos para a aviación sostibles “ poderían terminar sendo plans para voar con aceite de palma) pódese baixar desde www.biofuelwatch.org.uk/2017/aviation-biofuels.

[6] unfccc.int/resource/docs/2016/sbi/eng/19.pdf

Foto Recent deforestation on peatland for palm oil plantation de glennhurowitz (CC BY-ND 2.0) https://www.flickr.com/photos/8490461@N07/7197064146

Powered by Bullraider.com