Verdegaia - Coruña

Roteiro polas Fragas do Eume - Val de Xestoso

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

O vindeiro 29 de novembro, o N.C. de Verdegaia na Coruña organiza un roteiro polas Fragas do Eume, na zona do Val do Xestoso, para dar a coñecer os valores naturais desta parte das Fragas que permanece descoñecida se a comparamos coa súa irmá, a Fraga de Caaveiro. O roteiro ten unha lonxitude duns 11 km, dificultade intermedia e contará cun guía que dará explicacións sobre o percorrido. 

O punto e hora de encontro será o aparcadoiro da estación de autobuses da Coruña as 09.15 a.m. (En caso de xuntarse xente de Ferrol fixaríamos outro punto de encontro intermedio). O desprazamento será en coches particulares polo que vos pregamos nos confirmedes asistencia ate o xoves, día 28, as 18,00 h. (último día) para organizarnos. O roteiro non é circular polo que necesitaremos máis coches dos que nos gustaría.

Calculamos comezar a camiñar arredor das 11.00. O roteiro ten unha lonxitude duns 11 km, dificultade intermedia e acompañaranos un guía que nos dará explicacións sobre o percorrido. Estimamos terminar arredor das 17.00 por iso é necesario levar comida ademais de calzado e roupa axeitados. A actividade está aberta a todo o mundo e é de balde, soamente haberá que repartir o custo do desprazamento.

Para apontarse chamar ao 639224770 ou no correo-e jacobo_culleredo (a)hotmail.com

Ficha do roteiro

Concello: Monfero

Lonxitude: 11 km

Puntos de interese: Fragas do Eume, Muíño da Cortella, Capela de San Xian

O noso roteiro de hoxe levaranos a terras de Monfero, onde poderemos descubri-las outras grandes descoñecidas Fragas do Eume. Irmás das fragas de Caaveiro, estamos a falar das fragas que rodean o encoro deste río e os ragatos que se unen a él neste gran lago artificial.

O noso camiño comezará nas terras altas de Monfero, nunha das rexións máis illadas da provincia de A Coruña, dende onde poderemos albisca-lo val de Xestoso e a Serra da Loba, que separa as provincias de Lugo e A Coruña.

A poucos metros do inicio, baixaremos ata atopar unha fonte cuxas augas teñen un gran contido en ferro, especialmente recomendadas para xente que se atope sen ánimos ou que non lle guste comer lentellas. Pódese aprecia-lo ton vermello que deixa a auga nas rochas darredor.

Continúa o noso camiño-pista polos cotos durante uns kilómetros, pasaremos un cruceiro e a partir de aquí o camiño meterase entre piñeirais.

Regato, Muíño e Fragas da Cortella:

É agora cando as fragas van gañando terreo e o camiño, xa corredoira, comeza un vertixinoso descenso entre carballos, castiñeiros e abeleiras ó Rego da Cortella. Xa no río atopamos dous muíños abandonados. Teremo-la oportunidade de entrar nun deles, onde a pedra e as antigas pezas de madeira aínda se conservan dende décadas.

Á beira do muíño, unha vella ponte de madeira permitiranos atravesa-lo río, haberá que ter conta das táboas rotas e de pasar só unha persoa de cada vez.

Teremos que abandonar este incrible lugar para subir á aldea de Eiravella. Contan os veciños que o camiño que trouxemos é o camiño que utilizaban cando eran novos para ir á festa de Xestoso.

En Eiravella atopamos a antiga escola abandonada, construída polos veciños en 1952. Ademais veremos o campo da feira, co cruceiro e a Capela de San Xian.

O roteiro rematará cunha baixada ó encoro do Eume, para botar unha última ollada ás cores do outono nestas fragas e facer unha última reflexión sobre o que foron estas fragas antes da construción do encoro de 15 km de lonxitude e 101 m de altura.



 

 

Powered by Bullraider.com