Verdegaia - Ferrol

Verdegaia demanda a paralización inmediata das obras da senda litoral Costa Ártabra.

Publicado o Luns, 17 Outubro 2011 15:54
Visitas: 1683
Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo
Ademáis do seu impacto ambiental, o proxecto non se someteu ao preceptivo trámite de información pública. En relación ao proxecto denominado “Senda Litoral Costa Ártabra, Tramo: Sta. Comba-Campelo”, nos concellos de Ferrol, Narón e Valdoviño, Verdegaia vén de constatar o inicio das obras sen o cumprimento de todos os trámites legais pertinentes como o sometimento a información pública tanto do proxecto constructivo como do Estudo de Impacto Ambiental correspondente, lembrando que a zona afectada está integrada na Rede Natura 2000 como L.I.C. Costa Ártabra e Z.E.P.A. Costa de Ferrolterra-Valdoviño.
 
Tras efectuar unha consulta telefónica á area de urbanismo do Concello de Narón (o tramo de costa máis afectado) o día 14 do presente mes, funcionarios deste departamento confirmáronnos verbalmente que o devandito proxecto non se someteu a información pública vulnerando, por conseguinte, a legalidade; feito que aproveitamos para esixir a paralización inmediata das obras co obxecto de evitar maiores danos.
 
O proxecto, lonxe de ser unha senda peonil propriamente dita, en realidade trátase da construción dunha pista de terra de 3 m de ancho (salvo os acesos de madeira proxectados nos areais afectados) que aproveita camiños forestais na parte ferrolá mais no tramo naronés (o de maior lonxitude) trasforma carreiros e corredoiras tradicionais utilizados polos/as pescadores/as nun vial de 3 m de ancho, permitindo o aceso de veículos todo camiño a zonas até hoxe restrinxidas, co conseguinte efecto perturbador para a fauna e a flora da zona afectada, ademáis do habitual e lamentabel verquido indiscriminado de lixo e entullos no bordo e marxe deste tipo de camiños.
 
Por outra banda, o movimento de terras e o aporte de novos materiais (area e grixo de canteira, etc.) para o establecemento do novo firme favorece o asentamento e propagación de especies vexetais exóticas de carácter invasivo en perxuizo da flora autóctona. Un exemplo moi cercano témolo na construción indiscriminada de pistas da concentración parcelaria nas inmediacións de Ponzos e Sta. Comba, cuxos bordes e marxes foron rápidamente colonizados por plantas exóticas invasoras como Cortaderia selloana, Datura stramonium, Oenothera sp., Helichysum foetidum, Conyza spp., etc., non semellando que a curto ou medio prazo as Administracións competentes vaian por remedio a este problema.
 
Como xa temos constatado, a execución deste tipo de proxectos contribuen a agravar, máis ainda, o proceso de desnaturalización que vén padecendo a faixa costeira nas últimas décadas. Lonxe de cumprir cos obxectivos establecidos pola lexislación europea de dar prioridade á salvagarda dos hábitats naturais e das especies que motivaron a inclusión da zona afectada na Rede Natura 2000, os organismos (in)competentes adícanse a despilfarrar diñeiro público en falsos proxectos “verdes” que só contribuen a banalizar, neste caso a costa, poñendo en serio perigo a súa biodiversidade.
 
Desde Verdegaia, demandamos a inmediata paralización das obras e a retirada do proxecto nos seus actuais termos esixindo, ademáis, a depuración de responsabilidades.
Powered by Bullraider.com