Verdegaia - Ferrol

Roteiro polo curso alto do Río Sor. Domingo 27 de novembro

Publicado o Luns, 21 Novembro 2011 15:47
Visitas: 1953
Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo
O roteiro discorrerá polos concellos de As Pontes, Muras (Lugo), Mañón e O Vicedo. Comezaremos no cruce de A Rega, na pista que conduce a Ambosores dende a estrada As Pontes-Ortigueira. Dende aquí faremos 4,5 km de pista asfaltada que nos permitirán contemplar vistas fabulosas sobre as abas, montes e fragas que conforman a cunca do Río Sor, unha zona de alto valor ecolóxico e paisaxístico que, inexplicablemente, aínda non goza de ningunha figura de protección. O inconveniente de camiñar por pista asfaltada quedará superado polo disfrute da paisaxe.

Xusto ao pasar o rueiro de Pena do Mouriscón, no concello de Muras, deixamos o asfalto para coller un desvío á esquerda a través dun prado que nos deixará nunha ponte de madeira sobre o río, o cal non abandonaremos xa ata o final do percorrido (teremos que sortear un valado de arame). Neste punto, segundo a cartografía oficial, comeza o Río Sor ao xuntarse os regos de Abeledo Solloso polo Oeste, Tras da Serra polo Sur e o de Santar polo Leste.

O itinerario fluvial divídese en dous tramos de similar lonxitude. O primeiro levaranos de Ambosores ata Arganzo, seguindo os meandros do río e permitíndonos gozar dunha natureza case virxe. Será importante aquí mirar ben onde pisamos, xa que o sendeiro non está en moi bon estado. Teremos ocasión de ver algún que outro muíño así como as presas que para eles se facían no río. Axiña pasaremos xunto á fervenza do rego de Insua. As fragas medran aínda fachendosas en ambas beiras do río, conformadas básicamente por carballos, bidueiros, castiñeiros, abeleiras e pradairos. Na beira do río medran ameneiros e salgueiros. Outras especies de menor porte son os acivros, as pereiras bravas, o espiño branco e o sanguiño. Asimesmo no estrato arbustivo atopamos toxos, xestas e uces de diversas especies. Atoparemos un exemplar centenario de carballo con máis de 30 m de envergadura de copa. Son abondosos nesta época do ano os fungos e os cogomelos, tanto en cantidade como en variedade. Entre os felgos, a variedade de cores rechamantes que presenta a especie Osmunda regalis non pasarán desapercibidas a ninguén. Especial atención deberemos poñer para cruzar o rego de Casateites, que nesta época do ano trae bastante auga. No lugar de Arganzo teremos a ocasión de visitar un muíño aínda en funcionamento, estando previsto facer o xantar neste lugar. Un pouco máis abaixo cruzaremos unha ponte (tendo moito coidado de non esvarar), pasando ao concello de O Vicedo, na provincia de Lugo.

O segundo tramo, entre Arganzo e Ribeira do Vispo, presenta características similares ao anterior, se ben o sendeiro está en mellor estado.

Aparte do goce da natureza, este roteiro nos permitirá constatar os problemas ambientais que ameazan a zona: tala das fragas autóctonas para cultivo de eucaliptos e piñeiros, proliferación indiscriminada de parques eólicos, construción de pistas forestais e sendas peonís á beira do río, así como asfaltado dos antigos camiños.

Distancia: 12,5 km

Lugar de saída: escalinata de Correos en Ferrol

Hora: 9:30

Hora de regreso: 19:30 (Ferrol)

Prezo: 10 € para non soci@s e 8 @ para soci@s.

Comida: cada quen deberá levar a súa comida e a súa bebida.

Material: roupa e calzado cómodos (recoméndase botas tipo trekking impermeables e bastón)

Teléfonos de contacto:

            - Miguel: 661636946  

- Antóm: 616039268

 

Powered by Bullraider.com