Verdegaia - Vigo

Verdegaia celebrará o Día da Aves cun roteiro ornitolóxico pola enseada de San Simón

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo
aves_1.jpgVerdegaia celebrará o Día das Aves 2011 cun roteiro ornitolóxico circular pola parte norte da enseada de San Simón. A camiñada será o domingo 2 de outubro pola mañá e partirá ás 10:30 h. da Punta dos Caralletes situada na parroquia de Acuña (Vilaboa) e á que se pode acceder pola estrada N-554 collendo o desvío cara a Punta dos Caralletes en Acuña pola PO-102.
 
O itinerario previsto é o seguinte: Punta dos Caralletes, saíñas do Ulló, muíño de marea de Paredes, saíñas do Ulló, Punta dos Caralletes. O percorrido realizarase a pé coa axuda dun guía da asociación que, realizando paradas interpretativas, dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos ornitolóxicos, biolóxicos en xeral, etnográficos,... da enseada.
 
O roteiro durará toda a mañá (até ás 13:30 h. aproximadamente) e cómpre levar calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuíto para todas e todos.
 
Enseada de San Simón, un espazo da Rede Natura 2000
 
A enseada de San Simón está situada nos concellos de Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Pontevedra e pertence á Rede Europea de Espazos Naturais Natura 2000 dende o ano 2001, cun espazo protexido de 2.252 Ha. Este espazo natural alberga cinco Hábitats de interese comunitario para a Unión Europea:
 
1) Chairas lamacentas ou areosas que non están cubertas de auga cando hai marea baixa.
2) Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areosas.
3) Pasteiros de Spartina.
4) Pasteiros salinos atlánticos.
5) Bosques aluviais de amieiros.

Un destes cinco hábitats -o composto por Bosques aluviais de amieiros- é, ademais, un Hábitat prioritario para a Unión Europea e constitúe un dos tres bosques de amieiros máis grandes de Galicia.
 
Ademais, a enseada de San Simón é unha importantísima zona de invernada para un elevado número de aves acuáticas entre as que salientan o lavanco (Anas platyrhynchos) ou o pato asubión (Anas penelope), que contan con máis dun milleiro de aves cada unha invernando ano tras ano neste espazo natural.
Ademais, esta zona húmida alberga outras interesantes especies de aves como a garza cincenta (Ardea cinerea), a garzota (Egretta garzetta), o bilurico bailón (Actitis hypoleucos), o bilurico pativerde (Tringa nebularia), diferentes especies de mazaricos, o picapeixe (Alcedo atthis) e un longo etcétera de aves acuáticas que atopan un lugar onde alimentarse e descansar neste espazo natural. Salientan tamén dúas especies de animais de interese comunitario para a Unión Europea que son o sapiño pinto (Discoglossus galganoi) e o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi).
A nivel botánico salientan as pradeiras submariñas de ceba (Zostera marina e Z. noltii) que conforman os Cebais: superficies cubertas de plantas submariñas que cumpren importantísimas funcións no ecositema como a de servir de agocho de moitos peixes como o famoso cabaliño de mar (Hippocampus sp.), ou a de ser sustento de gran número de parrulos.
A nivel económico, a enseada cumpre unha importante función xa que alberga importantes bancos marisqueiros e de pesca que son aproveitados pol@s numeros@s mariscadores/as e pescadores da zona. E a nivel etnográfico salienta o muíño de marea de Paredes, as saíñas de Ulló ou a Ponte medieval de Pontesampaio.
Entre as desfeitas que padece este valioso espazo natural salientan a contaminación por chumbo xerada pola fábrica de porcelanas Pontesa durante décadas, os entullos e verquidos, a contaminación por augas residuais de diferentes puntos do interior da ría de Vigo, a construcción de infraestruturas como recheos e portos deportivos, nalgunhas ocasións totalmente ilegais, ou as edificacións ilegais.
 
Para máis información: Diego R. Vieites (670 784 919), Secretario Xeral e Responsable da Área de Biodiversidade de Verdegaia.
Powered by Bullraider.com