Verdegaia - Vigo

III Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Ranunculus ficaria herba das almorranasA Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro, da que forma parte Verdegaia, segue a realizar accións de diversa índole, encamiñadas á consecución da protección efectiva e á divulgación dos diversos valores deste prezado espazo natural. Así, o vindeiro día 13 de maio terá lugar a III Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro que sairá ás 10:30 h. do aparcadoiro do Campo de Fútbol da Pasaxe en Vincios (Gondomar) e que terá un percorrido circular de arredor de 10 Km. Os días 9 e 11 de maio Verdegaia divulgará esta actividade con actos de rúa na cidade de Vigo.

Nesta ocasión realizaremos un novo percorrido de dificultade media-baixa, que denominaremos a Ruta da Auga xa que esta, un recurso natural moi prezado, estará presente ó longo de todo o camiño, pois desta vez imos remontar un dos principais cursos fluviais da Serra do Galiñeiro: o río Zamáns.

Principiaremos o noso roteiro sorteando as infraestruturas que invadiron ferozmente as marxes do río, mentres procuramos a sombra fresca do seu bosque de ribeira. Superada por fin a autoestrada do Miñor, adentrarémonos nun dos recantos máis fermosos deste curso de auga: o muíño de Maquía e a envolvente aveleda que o enmarca; esta formación de aveleiras é un bosque de grande frondosidade e cunha elevadísima biodiversidade.

A continuación rodearemos o encoro de Zamáns, unha mostra de como Vigo e as vilas do Miñor puxeron os seus ollos nas augas do Galiñeiro cando o crecemento urbano fixo medrar a demanda. A construción do encoro sacrificou porén os mellores pastizais da parroquia de Zamáns, as denominadas Costas Boas.

Deixando atrás o encoro do río Zamáns seguiremos o seu afluente principal, o río de Vilaza ou de Vilaverde. Atravesaremos un harmonioso conxunto etnográfico que ten como valores máis destacados os seus seis muíños de río, sumados a outros elementos representativos tamén da cultura da auga, como un peirao, un lavadoiro e unha pontella, integrados todos eles nun característico bosque de ribeira ou amieiral. Este ecosistema aparece profusamente coloreado a finais do inverno con múltiples flores de apertura primaveral, como son as anémonas, as prímulas ou os narcisos.

Entre estes últimos, unha xoia do patrimonio natural da Serra do Galiñeiro: o “mallo” (Narcissus cyclamineus), delicado endemismo galego-portugués protexido por distintas normativas.

Abandoaremos por un momento o río de Vilaza e ascenderemos a carón da canteira de Vilaverde e da estación sísmica de Zamáns, para voltar novamente ó seu encontro no lugar de A Fervenza. Aquí o río salva as fortes pendentes da serra formando un espectacular salto de auga.
Deixaremos entón definitivamente o río para encamiñarnos cara o Parque Forestal de Vincios, punto final da Andaina.

Unha vez aquí, Manuel Rivas lerá o manifesto da Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro e disfrutaremos dun xantar popular coa comida que traia cada quen. Tamén haberá música e animación e poderás adquirir a túa camiseta do Galiñeiro. Entre as actuacións artísticas asistiremos á lectura de poemas a cargo de Pepe Cáccamo, Iago Castro, Silvia Penas, Oriana Méndez e Anxo Angueira a ás actuacións Musicais de Tino Baz, Cantareiras do Alba e do Leo e Arremecághona.

Agardámosvos a tod@s na Serra do Galiñeiro.

Resumo:

- Día: Domingo 13 de maio de 2012

- Saída: aparcadoiro do Campo de Fútbol da Pasaxe en Vincios (Gondomar) 10:30 h

- Chegada: Parque Forestal do Galiñeiro (Vincios) 14:30 h.

- Ruta circular de aproximadamente 10 Km (3-4 horas)

- Nivel da ruta medio baixo, sendeiros doados e con poucos tramos de desnivel.

- Á chegada lerase o manifesto, poderás adquirir a túa camiseta do Galiñeiro e faremos un xantar popular coa comida que traia cada un.Haberá música e animación.

-Despois do manifesto e do xantar, o acceso ós coches será polo sendeiro cunha duración de 15-20 minutos aproximadamente.

- Recoméndase levar:

- Calzado cómodo, auga e comida.

DEFENSA DO GALIÑEIRO6 ruta da agua

Cartaz cultural 1

Powered by Bullraider.com