Verdegaia - Vigo

Irregular recheo dunha barreira no Cerquido

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Cerquido Andorina"A Asociación Española de Herpetogía (AHE), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Verdegaia presentaron un escrito común polo recheo dunha barreira no Cerquido (a carón do Lugar de Importancia Comunitaria -L.I.C.- Gándaras de Budiño). Nesta barreira observáronse tres individuos de sapoconcho europeo (Emys orbicularis), especie que conta cun Plano de Recuperación da Xunta de Galicia e está catalogada como “en perigo de extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (en adiante C.G.E.A.). Outras especies interesantes eran o espiñento (Gasterosteus aculeatus), especie catalogada como “vulnerable” no C.G.E.A. e diversos anfibios como limpafontes verde (Triturus marmoratus), limpafontes común (Lissotriton boscai), sapiño pinto (Discoglossus galganoi), ra patilonga (Rana iberica) catalogada como “vulnerable” no C.G.E.A., estroza (Hyla arborea), ra verde (Pelophylax perezi), sapo curriqueiro (Bufo calamita) e sendo inclusive unha zona potencial de cría do sapiño de esporóns (Pelobates cultripes), en perigo de extinción no L.I.C. e catalogada como “vulnerable” no C.G.E.A.

Este recheo produciuse dende agosto e a pesares de informar o 17/09/14 ó Consello Galego de Medio Ambiente da situación, e a pesar da presenza e actividade dos axentes de Medio Ambiente na zona, as obras non foron paralizadas para rescatar alomenos parte destas interesantes especies.

As entidades asinantes deste escrito non entenden a actitude dunha Administración que non velou sequera pola integridade física dos seus traballadores mentres estes trataban de retirar as especies que podían en medio do aterramento con centos de camións de terra mentres se traballaba contrarreloxio en condicións difíciles. Entre outros temas solicitouse á Consellería que informe das causas polas que non se seguiron as condicións determinadas no plan da obra, en especial no relativo á desecación completa do vaso da barreira e a retirada “in vivo” da fauna acuática e liberación en zona adecuada do L.I.C. previamente ao recheo."

Powered by Bullraider.com