Xuntanzas

Verdegaia lanza unha campaña en defensa da Rede Natura 2000

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

costa_rtabra.jpgVerdegaia lanza unha campaña en defensa da Rede Natura 2000 en Galicia que incluirá diversas accións de sensibilización e a elaboración dun informe sobre o seu estado de conservación, usando como exemplos algúns espazos. Verdegaia reclama que os espazos da Rede Natura 2000 sexan un referente de sustentabilidade e denuncia o incumprimento da promesa da Xunta de presentar un Plano Xeral de Conservación da Rede Natura 2000.


A primeira acción da campaña de Verdegaia foi a realización dun paseo guiado polas Fragas do Eume o pasado 29 de outubro. Nesta semana están previstas dúas novas accións: unha charla sobre as Gándaras de Budiño en Vigo, mañán mércores, e un roteiro por este espazo natural no próximo domingo. As Gándaras de Budiño e a súa lenta agonía son un exemplo especialmente grave da desprotección que poden sufrir os espazos da Rede Natura 2000 en Galicia. No marco da campaña, están previstas outras accións de sensibilización aínda sen data. Asemade, os núcleos comarcais de Verdegaia están a visitar algúns lugares da Rede Natura 2000 e darán a coñecer a súa situación nun informe.

Para cando o Plano Xeral de Conservación da Rede Natura 2000?

A conservación da Rede Natura 2000 segue sen ser unha prioridade política, malia o seu potencial como elemento de desenvolvemento rural sustentable. A Consellería de Medio Ambiente incumpriu a súa promesa de presentar entre abril e maio pasado, xunto coa Consellería de Política Territorial, un Plano Xeral de Conservación da Rede Natura 2000 que prevalecería sobre a planificación urbanística municipal. Verdegaia reclama a ampliación da Rede Natura 2000, a súa planificación adecuada, maiores orzamentos, o cumprimento estrito da normativa legal que a protexe e medidas para mellorar as condicións de vida das poboacións locais de xeito ambientalmente respectuoso.

A Rede Natura 2000 é unha figura de protección ambiental impulsada desde a Unión Europea, como resultado da aprobación da Directiva Hábitats. Galicia é a comunidade autónoma española que conta con menos porcentaxe de superficie dentro da Rede Natura 2000, con tan só o 12%, fronte á media estatal do 24%. Ademais, esta reducida superficie estase a ver diariamente ameazada por múltiples agresións ambientais e presenta unha enorme carencia de planos e medios para a súa xestión.

Powered by Bullraider.com