16 xullo: tumbamos eucaliptos e apañamos arandos en Froxán!

Despois do albaroque, obradoiro de cultivo de arandos e colleita solidaria coas Brigadas

En Froxán continuamos coas accións deseucaliptizadoras no Chán de Avelán, onde acabaremos de eliminar eucalipto nunha zona de bosque de ribeira adquirida pola Fundación Montescola co apoio da Deputación da Coruña para a súa rexeneración ambiental e conservación (a da fotografía que aparece neste email). Esperamos deixar a zona pronta para plantar no próximo inverno.

A xornada terá lugar o domingo 16 de xullo, e será imprescindíbel apuntarse ata o día 14Os traballos comezarán ás 9:30. Ademais de apear árbores, aplicaremos a técnica de descasque en tocóns, e rozaremos outra parcela próxima que xa foi deseucaliptizada e plantada con frondosas neste inverno.

O punto de encontro será o estacionamento do “Quartel da Revolta” (hoje “Restaurante”) no Chán de Avelán, aonde se pode chegar seguindo as indicacións ao Museu Mineiro San Finx. O lugar da intervención está a poucos metros. Na zona hai tamén un parque infantil e pequenas pozas no rego da Silva onde se poderá tomar baño ao ar libre.

Na parte da tarde, despois do xantar de albaroque, faremos un obradoiro de cultivo e coidado de arandos e outros froitos silvestres, evidenciando as súas posibilidades para o aproveitamento multifuncional do monte. Ao finalizar, as brigadistas que queiran poderán participar nunha colleita solidaria a favor dos gastos das Brigadas deseucaliptizadoras.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE a quinta feira (xoves) día 15 de xuño. Por favor, inscríbite só se podes vir.

Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.

Este será o último dos obradoiros de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER)Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versarán sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress