24 de setembro: tumbamos eucaliptos como parte das atividades “12 meses, 12 invasoras”

En Froxán continuamos coas accións deseucaliptizadoras no Chán de Avelán, onde acabaremos de eliminar eucalipto nunha zona de bosque de ribeira adquirida pola Fundación Montescola co apoio da Deputación da Coruña para a súa rexeneración ambiental e conservación (a da fotografía que aparece neste email). Esperamos deixar a zona pronta para plantar no próximo inverno.

A xornadas convócase como parte da campaña ‘12 Meses, 12 Invasoras’ que decorre ao longo deste 2023 da man de Verdegaia co obxectivo de visibilizar o problema ambiental que supoñen as Especies exóticas invasoras (EEI). Desta volta, tócalle ao eucalipto, seguramente a especie invasora por antonomasia na Galiza.

A xornada terá lugar o domingo 24 de setembro, e será imprescindíbel apuntarse ata o xoves día 21Os traballos comezarán ás 9:30. Ademais de apear árbores, aplicaremos a técnica de descasque en tocóns, e rozaremos outra parcela próxima que xa foi deseucaliptizada e plantada con frondosas neste inverno.

O punto de encontro será o estacionamento do “Quartel da Revolta” (hoje “Restaurante”) no Chán de Avelán, aonde se pode chegar seguindo as indicacións ao Museu Mineiro San Finx. O lugar da intervención está a poucos metros. Na zona hai tamén un parque infantil e pequenas pozas no rego da Silva onde se poderá tomar baño ao ar libre se o tempo acompaña.

Na parte da tarde, despois do xantar de albaroque, faremos un obradoiro sobre “Todo o que queres saber como convocar as Brigadas e nunca te atreviches a preguntar”, destinado a animar ás participantes a organizar convocatorias na súa zona.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE a quinta feira (xoves) día 21 de setembro. Por favor, inscríbite só se podes vir. A acción NON se cancelará en caso de mal tempo.

Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress