7 de outubro: desacaciamos Lentille

Vendima rematada. Adega governada. Na Asociación Veciñal de Lentille queremos estrear o outono cunha nova convocatoria das Brigadas.

O sábado 7 de Outubro botarémonos outra vez contra as mimosas, teimando nas frentes xa habituais e abrindo máis outra. Desta volta, desde as viñas de Detrás porfiaremos por abrir un corredor libre de acacia cara Názara para así seguirmos debilitando o cerco da mimosa á nosa aldea.

Para vos apuntardes é imprescindible (alén de estardes inscritos como brigadistas) remitir un email para avlentille@gmail.com até o 4 de Outubro a máis tardar, comprometendo asistencia e observancia destas instrucións:

O punto de encontro será o habitual no Souto e desde alí repartirémonos en grupos e endereitaremos cara as áreas de traballo. Teredes que estar alí ás 9:00 puntualmente. Disporemos auga fresca e uns petiscos a media mañán con café, froita e algunha caralladiña. Remataremos contra as 14:00 pra xantarmos. Cremiña de verduras e lasagnas, ben sabedes. O albaroque acontecerá na terraza do Cabildo se o clima concorda, e se non habilitaremos o garaxe.

Lembrade traer luvas de traballo, unha garrafiña pra reencherdes con auga e tamén os vosos próprios prato, vaso, culler e garfo, así como calzado axeitado e mesmo unha muda por se, ben por nos mollarmos ben por suarmos de mais, queredes estar máis cómodos á hora do xantar.

Vémonos no monte, Brigadistas!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress