28 e 29 de outubro: bioblitz e deseucaliptización no Barbanza

Na fin de semana do 28 e 29 de outubro o Barbanza énchese de actividades que non vos podedes perder.

I Bioblitz en Froxán

No sábado 28, Froxán (Lousame), será escenario do Primeiro “Bioblitz” que organiza Montescola co apoio da Asociación Galega de Custodia do Territorio e a colaboración da Deputación da Coruña. Un bioblitz é unha festa de biodiversidade na que as participantes deben localizar e identificar tantas especies como sexa posíbel nun espazo determinado, neste caso a Área Conservada de Froxán.

Comezaremos ás 11:00 e acabaremos ás 18:00 logo dunha pausa para comer. Para esta xornada non será necesario inscripción, pois desde a organización ofreceremos viño, auga e café en lugar cuberto ás participantes, mais cada quen deberá traer a súa comida. O punto de encontro (e lugar da comida) é este: https://maps.app.goo.gl/bfgGnsiZgy8MYsQp7  É imprescindible ter instalada a aplicación iNaturalist, pois todas as observacións compatiranse na web do proxecto. Contaremos con varias biólogas/os da AGCT que explicarán o funcionamento da aplicación e resolverán dúbidas ao longo da xornada.

Xornada por un Monte Vivo en Leiro

No domingo 29, as Brigadas únense ás Xornadas por un Monte Vivo que organiza en Rianxo o Laboratorio Ecosocial do Barbanza e a Plataforma pola Defensa do Monte de Rianxo. Nese día participaremos nunha xornada de eliminación de rebentos de eucalipto na CMVMC de Leiro. O punto de encontro será o Centro cultural Vicente Vidal de Leiro e a actividade comezará ás 9:30.

A participación nos traballos comunitarios e o xantar posterior require inscripción. As personas interesadas enviarán un mail a info@barbanzaecosocial.org indicando o seu nome e apelidos, data de nacimiento, teléfono, email, concello de residencia, se desexa asistir ao xantar comunitario e, nese caso, alerxias ou intolerancias alimentarias.

Antes de comer visitarase a  plantación experimental de castiñeiros de Leiro e logo do xantar seguirase unha programación de charlas, festa e música. Podedes consultar o programa aquí, no que tamén se inclúe a xornada do día antes (sábado 28), cunha completa programación no Campo Maneiro de Taragoña.

Vémonos no monte!

Comments are Closed

© 2025: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress