17 de decembro: a deseucaliptización continúa en Froxán

Logo de varios conatos polo mal tempo neste outono, o domingo 17 de decembro volta a deseucaliptización en Froxán. Estaremos no Chán de Avelán, onde acabaremos de eliminar eucalipto nunha zona de bosque de ribeira adquirida pola Fundación Montescola co apoio da Deputación da Coruña para a súa rexeneración ambiental e conservación (a da fotografía que aparece neste email). Esperamos deixar a zona pronta para plantar en xaneiro e febreiro, e faremos por plantar xa algúns pes pola beira do río.

A xornada, que esta vez esperamos que sexa solleira, comezará ás 9:30. Aplicaremos a técnica de descasque en tocóns e comezaremos os traballos de recuperación da Taberna da Revolta Nova, futuro punto de encontro das Brigadas.

O punto de encontro será o estacionamento do “Quartel da Revolta” (hoxe “Restaurante”) no Chán de Avelán, aonde se pode chegar seguindo as indicacións ao Museu Mineiro San Finx. O lugar da intervención está a poucos metros. Na zona hai tamén un parque infantil.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE o mércores día 14 de decembro. Por favor, inscríbite só se podes vir.

Sendo a última roga do ano, lembrámosvos que podedes facer unha doazón recorrente de 1 euro mensual a través de Teaming. A doazón supón unha deducción no IRPF do 80%, polo que para que che desgrave na declaración no próximo ano non deixes de facer a túa doazón antes de acabar o mes.

Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress