25 de novembro: Lentille, desacaciación e arqueoloxía

A Asociación Veciñal de Lentille convoca as Brigadas Desacaciadoras para, no marco da iniciativa “12 meses, 12 invasoras” de Verdegaia, realizarmos unha nova actuación de control de mimosa (Acacia dealbata) na aldea o sábado 25 de novembro.

Seguiremos avanzando nos novos frentes do Regueiro e Detrás para establecermos corredores libres de acacia cara A Gouxa e Názara.

Para vos apuntardes é imprescindible (alén de estardes inscritos como brigadistas) remitir un email para avlentille@gmail.com até o 22 de Novembro a máis tardar, comprometendo asistencia.

O punto de encontro será o habitual no  Souto  e desde alí repartirémonos en grupos e endereitaremos cara as áreas de traballo. Teredes que estar alí ás 9:30 puntualmente.

Disporemos auga fresca e uns petiscos a media mañán con café, froita e unhas madalenas. Remataremos contra as 14:00 pra xantarmos. Cremiña de verduras e lasagnas, ben sabedes. O albaroque acontecerá na terraza do Cabildo se o clima concorda, e se non habilitaremos o garaxe.

Despois da sobremesa, desprazarémonos á parroquia de Sadurnín (5 min. en carro). Visitaremos o Marco da Eira de Mouros, pena de xisto que contén un dos escasos exemplos de petróglifos na comarca.

Apoiaremos deste xeito a iniciativa de Ecoloxistas en Acción O Ribeiro e da Fundación Montescola quen, coa colaboración do Colectivo A Rula, reclaman unha maior protección e valorización deste extraordinario elemento patrimonial. Recentemente o Consello da Cultura Galega emitiu un informe sobre a necesidade da súa protección.

Clodio González, historiador e Cronista Oficial do Concello de Cenlle ofrecerános in situ unha breve disertación sobre o significado e a historia do Marco.

As prazas son limitadas. Non demoredes en vos apuntar.

Vémonos no monte!

Comments are Closed

© 2025: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress