4 e 5 de maio: eliminación de especies invasoras no río Tins (Outes) e Montes do Chá (Ferrol)

Maio comeza forte con dúas rogas de eliminación de especies invasoras:

  • sábado 4 tombaremos eucaliptos, acacias, mimosas e robinias na ribeira do río Tins na Serra de Outes e
  • domingo 5 erradicaremos Helicrysum petiolare nos Montes do Chá en Ferrol.

Apúntate xa!

RÍO TINS (OUTES)

sábado 4 de maio volta con forza o voluntariado ambiental do río Tins, desta volta co obxectivo de eliminar ás árbores exóticas presentes en todo o tramo urbano da ribeira do río Tins na Serra de Outes. A actividade, que se enmarca no proxecto ReNatur_Outes, pretende eliminar un cento de exemplares de acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata), robinia (Robinia pseudoacacia) e eucalipto (Eucalyptus globulus) das marxes contribuíndo así a renaturalizar este espazo natural de grande valor. A acción compleméntase coas realizadas no pasado inverno, coas que se plantaron case 300 árbores e máis dun cento de arbustos na zona de ribeira.

A xornada de voluntariado está aberta á participación do público en xeral, de calquera idade, e forma parte da programación da Semana Ibérica sobre Especies Invasoras de 2024, que engloba máis dun cento de actividades en toda a península. Para participar só é necesario enviar un email a info@montescola.org ata o venres 3 de maio. A xornada comezará ás 10:00 e seguirá ata as 13:00 aproximadamente, momento no que se oferecerá un pequeno petisco ao voluntariado participante. O punto de encontro será a Casa da Cultura da Serra de Outes.

Os traballos, que xa comezaron en días previos abatendo as árbores de maior porte, incluirán a elaboración de cadeiras a partir dos toros con destino ao patio deseñado polas nenas e nenos do CEIP Plurilingüe de Outes.

MONTES DO CHÁ (FERROL)

O domingo 5 de maio a Asociación Comuneiros do Chá convócanos a erradicar os pés de Helichrysum petiolare que ameazan invadir unha zona repoboada e outra de pasto dos cabalos. O helicrysum petiolare é unha especie orixinaria de Sudáfrica, trátase dun arbusto ramoso e gabeador que afoga toxeiras e mesmo especies arbóreas formando masas monoespecíficas e que na boca da ría de Ferrol hai anos que constitúe un problema ambiental de primeira magnitude ante a pasividade das administracións.

A técnica de erradicación é sinxela e básicamente manual polo que é moi importante que as persoas voluntarias traian luvas preferentemente de coiro pois no terreo hai brotes de toxos mesturados cos helichrysum a erradicar. Se alguén prefire usar sacho pode traelo ou usar os que a organización poñerá á disposición d@s voluntari@s.

Trátase dun traballo sinxelo nun terreo de pouca pendente e desbrozado (nalgunhas zonas recentemente e noutras hai dous anos) polo que a xornada é perfectamente apta para crianzas e persoas maiores. Se hai tempo faranse labores de mantemento de plantacións de anos anteriores e un roteiro polas mámoas do monte e o recinto dos cabalos.

punto de encontro será ás 9:30 h no Viso (Entre san Cristobal e Martín) hai unha explanada onde deixaremos os coches, fronte a ela un camiño que sube ó Chá e a 500 m comeza a zona de actuación.
https://www.google.com/maps/place/43%C2%B028’11.5%22N+8%C2%B017’32.4%22W/@43.469865,-8.294522,17z/data=!3m1!4b1!4m4!3m3!8m2!3d43.4698611!4d-8.2923333

Para apuntarse é imprescindible, ademáis de estar inscrit@ como brigadista  http://verdegaia.org/brigadas/formulario-de-inscricion-como-brigadista mandar confirmación ó correo comunidademontesdocha@gmail.com  antes do xoves 2 de maio.
Tras a actuación sobre as 14:00 h a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo na AVV de Valón, para iso cada persoa deberá traer o seu propio vaso, plato e cubertos, quen teña algún tipo de restricción alimentaria que avise no momento de apuntarse.

VÉMONOS NO MONTE !!!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress