21 e 29 de setembro: Deseucaliptizamos o río Tins (na Serra de Outes)

Este mes de setembro as Brigadas voltan con forza ao proxecto de restauración fluvial do río Tins, co obxectivo de eliminar ás árbores exóticas presentes no treito final antes da desembocadura no Esteiro do Tins, na ría de Muros e Noia (Rede Natura 2000).

As convocatorias do sábado 21 e domingo 29 de setembro enmárcanse no proxecto ReNatur_Outes, e nelas eliminaremos varias ducias de pes de eucalipto (Eucalyptus globulus), acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e robinia (Robinia pseudoacacia) e eucalipto (Eucalyptus globulus) das marxes contribuíndo así a renaturalizar este espazo natural de grande valor.

Estas accións buscan ademais preparar a zona para plantar árbores frondosas de ribeira o próximo inverno co CEIP de Outes. No día 29 aproveitaremos para apañar lixo das ribeiras como parte da XVII Limpeza Simultánea do Proxecto Ríos.  Cos toros de eucalipto elaboraremos cadeiras con destino ao patio deseñado polas nenas e nenos do CEIP Plurilingüe de Outes.

As xornadas de voluntariado están abertas á participación do público en xeral, de calquera idade. Para participar só é necesario enviar un email a info@montescola.org ata o venres 20 de setembro (para a xornada do sábado 21) e ata o sábado 28 (para a xornada do domingo 29). Tamén podedes apuntarvos en ambas as dúas.

A xornada comezará ás 10:00 e seguirá ata as 14:00 aproximadamente, cando prepararemos unha merenda/albaroque á beira do río.

 VÉMONOS NO RÍO!!!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress