16 de novembro: A desacaciación continúa en Lentille (O Ribeiro)

A Asociación Veciñal de Lentille convoca as Brigadas mais outra vez para insistirmos no combate constante contra o frente de mimosa que asedia a aldea e inza a comarca. Desta volta traballaremos na estrema da Levada e na ladeira das Aradas onde o esforzo brigadista tanto paseniño avance ven asentando. Tamén eliminaremos algún rebrote residual dos eucaliptos retirados hai un par de anos.

O punto de encontro será o habitual no Souto e desde alí repartirémonos en grupos e endereitaremos cara as áreas de traballo. Teredes que estar alí ás 9:30 puntualmente. Disporemos auga fresca e uns petiscos a media mañán con café, froita e unhas madalenas. Remataremos contra as 14:00 pra xantarmos. Cremiña de verduras e lasagnas, ben sabedes. O albaroque acontecerá na terraza do Cabildo se o clima concorda, e se non habilitaremos o garaxe.

Na parte da tarde a Su impartirá un obradoiro sobre construcción de refuxios para entomofauna. A intervención encádrase no proxecto “De monte a monte”, unha iniciativa de Verdegaia, Montescola e Veredas da Estrela co apoio do programa Erasmus+ que promoverá nos próximos 18 meses accións de voluntariado, formación e partilla a ambos lados da raia.

Para vos apuntardes é imprescindible (alén de estardes inscritos como brigadistas) remitir un email para avlentille@gmail.com até o 12 de Novembro a máis tardar, comprometendo asistencia.

As prazas son limitadas. Non demoredes en vos apuntar.

VÉMONOS NO MONTE !!!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress