12 de abril: descaciamos no Araño (Rianxo) e festa da salchicha

A atividade forma parte da iniciativa Laboratorio Ecosocial do Barbanza Non. Non é broma. As Brigadas voltan á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Araño (en Rianxo), e desta vez nunha alianza estratéxica coa Asociación Cultural A Carballeira de Baia que propuxo a improbábel mais completamente lóxica combinación de descascar acacia negra cun albaroque inédito en plena Festa da Salchicha do Araño no que poderedes degustar salchicha fresca, salchicha vegana, criollo, paella (imaxinamos que con salchicha), salchipapas, etc., etc. Todo acompañado e/ou seguido de gaiteiros (Os Pequenos do Barbansa), xogos populares, bingo e baile. Non podíamos dicir que non. O voluntariado da mañá forma parte do proxecto do Laboratorio Ecosocial do Barbanza do que participa Montescola. A intervención terá lugar o sábado 12 de abril de 10:00 a 14:00, e descascaremos manualmente varias manchas de acacia negra (Acacia melanoxylon), próximas ao Campo da Festa (que é o punto de partida da actividade). Celebraremos o xantar de albaroque nas condicións asinaladas no Souto de Buía. A actividade está aberta a todos os públicos e a todas as idades e debedes apuntarvos até o xoves 10 de abril enviando un email a info@montescola.org Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida. VÉMONOS NO MONTE !!!

Comments are Closed

© 2025: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress