24 de maio: As Brigadas voltan a Doade
E, pola tarde, andaina e ruada con música e petiscos
As Brigadas voltan a Doade o sábado 24 de maio para seguir axudando a pór en valor o patrimonio cultural e natural… e pola noite ruada con música, empanada e viño!
Os comuneiros e comuneiras de Doade (Beariz, Terra de Montes) continúan precisando da nosa axuda para por en valor varios elementos do patrimonio cultural e natural do seu monte veciñal. Para iso acondicionaremos 5 camiños do monte de Doade: a congostra do Portiño, o camiño das Mitueiras, o camiño do Portafeixa ao Portoespiño, a congostra de Abaixo ou dos Barreiros e o camiño a ponte da Pena.
Durante toda a xornada estaremos de novo acompañados por Pichi (Loita Verde), experto en fauna e flora.
Para apuntarse é preciso enviar un email antes do xoves 22 de maio ao enderezo electrónico: symbiosexestion@gmail.com
Programa
9:30h Punto de encontro na Praia fluvial de Doade, café e almorzo, preparar as ferramentas
10:00h Saída ao monte desde a praia fluvial
14:00h Volta a praia fluvial
14:30h Xantar na casa do Pobo de Doade. Menú sorpresa, viño do Rosal, auga da fonte do Farauto, café e licores
17:30h – 20:00h Andaina por “Doade Vello”, polos 5 camiños xa limpos e volta a casa do pobo
A partir das 20:30h Ao remate animamos a toda a xente a asistir á Ruada de Doade no adro da capela.
¿Qué fai falla traer?
Auga para hidratarse, roupa e calzado adecuado para andar polo monte, luvas, lentes de protección e tamén alguna ferramenta manual como sacho, tesoira de poda, serrote, fouce, machada, capacho… Disporemos dalgunas ferramentas e tamén de motoserras e rozadoiras para a xente mais intrépida. Trae o que necesitas para darte un chapuzón na fervenza do Porto de Anta e a túa pandeireta para a Ruada.
Avisa no email de inscrición que ferramentas vas traer, se es vegana, vegetariana ou se comes de todo e tamén se tes unha alerxia alimenticia que deberíamos ter en conta. Tamén avisa se precisarías ter aloxamento privado na zona de venres a sábado ou de sábado a domingo.
Son anfitrioas da II Brigada en Doade a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Doade, SOS Suído Seixo/Mina Alberta NON, coa colaboración de Symbiose Xestión Natural S.Coop Galega (A Lama)
VÉMONOS NO MONTE !!!


Comments are Closed