22 de setembro, día europeo das comunidades sustentábeis, roga en Froxán

O día 22 de setembro celebramos o Día Europeo das Comunidades Sustentábeis, que procura por en destaque as iniciativas locais de todo o continente que fan frente ao cambio climático e á crise ecolóxica, xunto co Día Internacional de Combate frente aos monocultivos forestais que se celebra todos os anos o 21 de setembro. As Brigadas deseucaliptizadoras xunto coa Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán e a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins súmanse a este chamado cunha nova roga e albaroque na Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, en Lousame, recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente. Como sempre, despois dos traballos colectivos no monte (roga), premiarase as brigadistas asistentes cun xantar de convivio (albaroque).

Os traballos nesta xornada centraranse na eliminación de rebrotes de eucalipto dun hábitat de interese comunitario 9230 de Carballeiras galaico-portugueses con Quercus robur e Quercus pyrenaica, que foi obxecto de traballos de restauración no pasado inverno e primavera coa plantación de miles de pés de frondosas nativas mediante a campaña de micromecenado “No corazón unha árbore” e onde se continuará traballando no próximo inverno co apoio da European Outdoor Conservation Association. Continuaremos os traballos na parte alta do monte, removendo especies exóticas da zona húmida higro-turbosa de “Campo de Lamas”, un proxecto de recuperación ambiental seleccionado como un dos catro casos piloto para a guía “Cómo planificar los proyectos de custodia para adaptarse al cambio climático en las regiones vulnerables de España”, e que podedes coñecer en detalle a través do Anexo A1 da guía.

Os traballos en Froxán comezarán no monte ás 10 da mañá, máis é imprescindíbel estar puntualmente no punto de encontro (que será comunicado ás persoas inscritas) ás 9:30 para irmos xuntas á zona da intervención. Para participar nesta acción é necesario en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria de 22 de setembro mediante un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org Agradécese que nos notifiquedes se tendes algún requerimento alimentario especial para tentar que no albaroque haxa algo para vós. A data límite para apuntarse é o 16 de setembro para poder organizar ben a comida e demais loxística.

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress