Continúa a Brigada deseucaliptizadora de Corcubión

O pasado sábado 27 de outubro, os membros da Asociación “Boca de Sapo” de Corcubión, acudiron ao “Prado Cambeiro” para continuar coas labores de tala de eucaliptos e conservación desta parcela. Trátase dun terreno de propiedade municipal situada xusto sobre a vila, e que cunhas 2 hectáreas e orientación leste, sirve de finca piloto para a posta en andamento das Brigadas en Corcubión.

Apenas quedan xa eucaliptos e agora, na próxima actuación, temos que traballar na eliminación de Acacia dealbata (mimosas) existentes na parte alta da braña, traballo ben tedioso polo alto grao de concentración deste tipo de especie que fan unha matogueira moi tupida e dificil. Tamén fixemos traballos de agrupación da valumada e limpeza de polas dos eucaliptos que se talaron.

Seguiremos adiante co plan de rexeneración da finca, do que iremos informando conforme vaiamos progresando nos traballos. Está previsto plantar castiñeiros, carballos, froitais… no vindeiro mes de xaneiro, e para iso tamén temos a colaboración dun veciño da finca, Manolo Canosa, que nos permite utilizar o seu terreo para facer un sementeiro. Preténdese implicar ademais os rapaces e rapazas do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión para que veñan plantar na altura certa.

Un saúdos a tódolos/as “Brigadistas”, dende Corcubión.

Francisco Santiago López, membro da Asociación “Boca de Sapo” de Corcubión

Noticia en Que pasa na costa.

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress