17-O: A polas acacias en Lentille!

O sábado 17 de OUTUBRO as Brigadas Deseucaliptizadoras volvémonos botar ao monte, da man da Asociación Veciñal de Lentille, para combater a invasión de mimosa (Acacia dealbata) que sofre a comarca. Retomamos así a xornada que estaba programada para o pasado 21 de marzo e que tivemos que suspender na altura. No

Nesta roga continuaranse os traballos que se veñen desenvolvendo desde 2018 nun monte particular que xa ven paseniño repoboándose con árbores frondosas autóctonas. Tamén traballaremos na limpeza e habilitación de camiños veciñais comestos pola praga da mimosa. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érvedos, etc.).

De 16:00 endiante, representantes da plataforma A Sabia falaránnos desta moeda social. Explicarán o seu funcionamento e obxectivos, e mesmo repartirán de balde algunhas unidades para que os brigadistas interesados podermos ir utilizando e participando no proxecto.

Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com ata COMO MOI TARDE o día 13 de OUTUBRO.

Coma sempre, o punto de encontro é o estacionamento do Souto ás 9:30 h, e dende aí iráse á pé (10 minutos) ata a zona de intervención.

Remataremos os traballos por volta das 14:00 e faremos o albaroque. Non podemos concretar aínda o menú mas haberá opción vegana e incluirá algunha especialidade.

VÉMONOS NO MONTE!

One Commentto 17-O: A polas acacias en Lentille!

  1. […] Moeda presentarase o próximo Sábado 17 de outubro na Brigada Desacaciadora que se realizará en Lentille, na comarca do Ribeiro, organizada pola Asociación […]

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress