24-O: 1ª deseucaliptización en Montefaro

O sábado 24 de outubro voltan as brigadas a Ferrolterra – Trasancos, nunha acción de colaboración coa Asociación Betula de custodia do territorio.
Nesta ocasión traballaremos na zona de Montefaro (Ares) con magníficas vistas ás rías de Ares e Ferrol.
O traballo realizarase en dúas parcelas nas cales os eucaliptos foron talados aproximadamente hai seis meses e consistirá en machacar os rebrotes de eucalipto que xa agroman (non son demasiado grandes) e amorealos de modo que non estorben posibles labores futuras de repoboación con autóctonas. A ferramenta estrela será o machado polo que se agradecerá a quen dispoña do seu que o traia, aínda que a organización dispórá dun certo número de macahados para quen non teña. Igualmente importante é que cada brigadista traia as súas propias luvas de traballo.
Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a feryanezmarcelin@gmail.com ata COMO MOI TARDE o día 20 de OUTUBRO.
O punto de encontro será ás 9:00 h no estacionamento do mosteiro de Santa Catalina de Montefaro:
https://www.google.com/maps/@43.4505116,-8.2812053,191m/data=!3m1!1e3
Dende aí iremos á pé (10 minutos) ata a zona de intervención.
Remataremos os traballos por volta das 14:00 e faremos o albaroque no propio Mosteiro, contaremos coa colaboración do Concello de Ares na loxística do albaroque. Non podemos concretar aínda o menú mas quen desexe opción vegana agradécese que o notifique no correo ó apuntarse.
Na sobremesa membros da Asociación Betula falarannos dos valores medioambientais de Montefaro e das súas posibilidades de recuperación.
Igualmente poderemos desprazarnos ata o mirador da bailadora (na foto) a 10 min a pé do Mosteiro e gozar das magníficas vistas da ría de Ferrol.
VÉMONOS NO MONTE!
Comments are Closed