Froxán: roga “Silvestre 2021” o 19-D

DOMINGO 19 de DECEMBRO as Brigadas voltamos á Área Conservada pola Comunidade de Froxán (Lousame) para unha xornada de tumbar eucaliptos e plantar árbores nativas. Contamos con ter tempo bo e solleiro con benzón da superioridade 😉

A roga comezará ás 10:00 da mañá e teremos como punto de encontro e inicio dos traballos o Chán de Avelán (tamén coñecido como “As Minas de San Fins”, ver no Google Maps como chegar).

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE o día 16 de decembro.

As prazas son limitadas e inscribirémosvos por orde. Por favor, inscríbite só se podes vir. Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2022: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress