22 Xaneiro, Roga dupla: deseucaliptizamos en Ferrol e plantamos castiñeiros en Vilaboa

No sábado 22 de xaneiro as Brigadas deseucaliptizadoras estréanse en dous novos montes: en Ferrol, convocadas polas asociacións de veciñ@s de Brión, San Felipe – San Cristobal e A Graña, no chamado “Monte do Estado”, e en Vilaboa (Morrazo) nunha parcela da Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa.

Deseucaliptización en Ferrol

O Monte do Estado alberga, rodeada de eucaliptos, unha das mellores fragas autóctonas do Concello de Ferrol, sendo frecuentada nos seus paseos pola veciñanza da contorna. Ante o perigo que supón para a súa continuidade e a rexeneración natural da fraga a cantidade de rebrotes de eucalipto e novos eucaliptos de semente, as asociacións convocantes solicitaron permiso de actuación aos titulares do monte, actualmente o Estado.

O punto de encontro será diante da AAVV Castelao de Brión ás 9:00 h da mañá

Para apuntarse é imprescindible, ademáis de estar inscrit@ como brigadista mandar confirmación (wasapp ou chamada) ao teléfono 650 07 46 88 antes do 20 de xaneiro para coordinar á xente participante.

As persoas participantes deberán traer roupa axeitada e luvas de traballo. A ferramenta a usar será o machado, agradécese a quen poida que traia o propio aínda que a organización disporá dalgúns para quen non teña.

A area de traballo ten bastante pendente polo que formaremos dous grupos, de modo que as persoas con menor capacidade física ou menos costume de traballo no monte poidan traballar na área menos pendente.

Despois da actuación sobre as 14:00 h a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo (Caldo, empada, tortilla) para iso e por motivos covid cada persoa terá que traer o seu propio vaso, prato e cubertos, quen teña algún tipo de restricción alimentaria que avise no momento de apuntarse.

Plantación en Vilaboa

A xornada consistirá na reposición de castiñeiros e na eliminación de abrochos de eucalipto nunha parcela de case 1 hectárea onde xa están plantados castiñeiros de variedades tradicionais para a produción de fruto e xa se realizaron previamente traballos voluntarios de limpeza.

O punto de encontro é na Mámoa do Rei (ver no Google Maps), no Lago de Castiñeiras, ás 10h da mañá e terminaremos por volta das 14h, cun xantar comunal.

Pola tarde remataremos a xornada cunha visita guiada polo Roteiro das Mámoas da man do arqueólogo Benito Vilas.
Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a montesvilaboa@gmail.com ata COMO MOI TARDE o día 18 de xaneiro. Lembrade que as prazas son limitadas. Por favor, inscríbite só se podes vir. Avísanos en caso de restricións alimentarias.

Recibe as túas “sabias”

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2022: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress