21 de maio: comeza a deseucaliptización en Vila Cova

As Brigadas lánzanse a deseucaliptizar un novo territorio o 21 maio da man da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Vila Cova, en Lousame. A roga estará centrada na eliminación de rebrotes de eucalipto nunha zona de varias hectáreas nas que a Comunidade suprimiu os eucaliptos existentes. No inverno, darase continuidade aos traballos cunha plantación de frondosas.

A roga comezará ás 09:30 da mañá e teremos como punto de encontro o Campo de Fútbol de Vila Cova (https://goo.gl/maps/UNN8zpEpCRCEipJE9), situado ao pé da igrexa e da taberna “Vila da Cova”. Desde alí agruparémonos nos vehículos para subir ata as proximidades da zona de intervención. É importante estardes puntualmente ás 9:30, pois do contrario será difícil orientarvos para chegar ao punto de traballos.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a brigadasvilacoba@gmail.com ata COMO MOI TARDE o sábado día 14 de maio.

Na parte da tarde inauguraremos os obradoiros de formación para brigadistas que se repetirán ao longo do próximo ano nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versarán sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Nas próximas semanas anunciaremos a programación así como os contidos do obradoiro de 21 de maio.

As prazas son limitadas e inscribirémosvos por orde. Por favor, inscríbite só se podes vir. Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2022: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress