4 de Xuño: Mondariz-Balneario Brigadista

En Mondariz-Balneario queremos seguir botándonos ao monte. Na roga do sábado 4 de xuño actuaremos sobre unha parcela de titularidade pública moi afectada polas vagas de incendios. No 2018 xa fixéramos unha primeira plantación por sementeira con crianzas e familias da vila. Cos anos toxo, xestas, mimosas, eucaliptos e silveiras invadiron de novo o terreo.

Desta volta o obxectivo é rematar a roga anterior: seguir limpando, cortando e desbrozando, ademáis de sementar cebada para nutrir a terra. En novembro deste mesmo ano, coa parcela preparada, convocaremos unha nova xornada, desta vez para plantar castiñeiros e carballos. Nos próximos meses faremos unha campaña de amadriñamento de arboriñas nativas para dita plantación.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a ester.outr@gmail.com ata COMO MOI TARDE o día 2 de xuño. Lembrade que as prazas son limitadas. O punto de encontro é o estacionamento do cemiterio ás 10:00 h.

Lembramos ás brigadistas que traian roupa e calzado axeitados para o exceso de toxo; luvas, copo, prato e cubertos propios. O albaroque tamén inclúe opción vegana e daremos máis datos unha vez inscritas.

Lugar de encontro: Cemiterio de Mondariz Balneario

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress