2º Encontro transfronteirizo “Vemo-nos no monte” en Meira, Moaña
Logo do éxito do primeiro encontro transfronteirizo do proxecto “Vemo-nos no monte!” organizado este verán na Serra da Estrela en Portugal, nos días 7, 8 e 9 de outubro serán as brigadistas voluntarias de Portugal as que nos visitarán para unha fin de semana de accións de eliminación de especies exóticas invasoras e convivio en Moaña.
O proxeto, que conta co apoio do programa europeo Erasmus+, é unha iniciativa que parte da experiencia das Brigadas deseucaliptizadoras e que implica á a Fundación CEER (Rede de Universidades da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal), a Fundación Montescola e o colectivo portugués À Escuta. O 2º Encontro só é posíbel grazas ao apoio da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Meira, en cuxo territorio se actuará, e do Concello de Moaña, que desta volta se prestaron a ser os anfitrións locais.
O encontro comezará na sexta-feira día 7 de tarde, na que se recibirá ás brigadistas de Portugal e se organizará un convivio no local da Comunidade de Montes de Meira.
Na mañá do sábado día 8 terá lugar a roga no monte veciñal de Meira, elimando especies exóticas invasoras nunha zona de 3 hectáreas por volta de varios manantiais de auga. Será ofrecido ao fin un xantar de albaroque. Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org ata COMO MOI TARDE o sábado día 24 de setembro, indicando se quedaredes a comer e se tendes previsto chegar a noite antes. As prazas son limitadas e inscribirémosvos por orde. Por favor, inscríbite só se podes vir.
Na parte da tarde, terá lugar no salón de plenos de Moaña un encontro sobre voluntariado ambiental en montes veciñais en man común, con representantes de varias comunidades que presentarán as súas experiencias. O acceso ao debate e é libre ata completar afora e non é necesaria inscripción.
No domingo día 9 de mañá organizarase un roteiro ambiental polo Monte Xaxán, coas CMVMC de Meira, Moaña e Domaio.
As brigadistas que participen en todas as actividades terán dereito a recibir un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.
Comments are Closed