Marzo brigadista: sábado 4 en Darbo e domingo 5 en Vilacova

As Brigadas comezan marzo con forza con 2 intervencións en Darbo (Cangas) e Vilacova (Lousame), nos días 4 e 5. Continúa lendo para máis detalles:

4 de marzo: Darbo (Cangas)

Comunidade de Montes Veciñais de Darbo (Cangas) en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia convocan unha nova roga no Morrazo o sábado 4 de marzo.

Que faremos? Será unha xornada dura de corta de eucaliptos novos, mais de certa altura, así como de carga e distribución da madeira. Tamén aproveitaremos para arrincar brotes e descascar.

Lugar de encontro: Pequena chaira para deixar o coche onda o Colexio Eduardo Pondal. A zona de traballo está a 5 minutos a pé: https://goo.gl/maps/WgtYUxmv6GgwqQ1C8

Horario9:30 h: exposición do plan de traballo e reparto de tarefas. 14:00 h: fin da xornada.

Para participar precisades estar dadas de alta como brigadistas e anotarvos ata o día 1 de marzo enviando un email á Comunidade de Montes de Darbo: cmontesdarbo@gmail.com

As accións das Brigadas deseucaliptizadoras, con un non menos importante sentido de confraternidade e comunidade, articúlanse por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal de agradecemento ás voluntarias). A Comunidade de Montes de Darbo ofrecerá ó rematar o traballo un albaroque para as persoas voluntarias que veñan de fóra do Morrazo, que inclúe opción vegana ou vexetariana (indicar no mesmo correo). Haberá garrafas de auga, pero para aforrar envases invitamos a que cada persoa traia da casa a súa garrafa, que poderá reencher coas nosas.

Outras recomendacións: Traede roupa e calzado cómodos para traballar no monte: luvas, pantalón longo e roupa de auga se fose preciso. Contamos con algunhas machadas e luvas, pero agradecemos que no posible traiades as vosas da casa. Precisades traer copo para beber e cubertos e prato.

Queremos convidar a todas as veciñas e veciños do Morrazo que se queiran achegar, mais tamén a brigadistas doutros lugares, a traballar connosco e liberar o noso monte dunha especie foránea adaptada a climas alleos extremadamente secos que, a día de hoxe, avanza sen control e supón a principal ruína do monte e dos bosques de Galiza e Portugal.

Coa firme vontade de botarse ao monte e traballar, estamos a tempo de salvar o futuro do monte galego, así como o noso espacio como parte dunha natureza que, en definitiva, é a casa de todas e todos.

5 de marzo: Vilacova (Lousame)

En maio de 2021 as Brigadas deseucaliptizadoras iniciaron o  traballo de deseucaliptización no Monte da Aguieira (Vilacova) onde se machacaron os rebrotes dos eucaliptos nunha das parcelas de varias hectáreas do monte veciñal. O próximo 5 de marzo voltamos á carga da man da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Vilacova, en Lousame.

Que imos facer? Nesta xornada, continuaremos eliminando os rebrotes para rematar de secar os eucaliptos na zona que quedou sen intervir. Ao rematar o traballo seguiremos cun xantar comunitario.

Cando? Quedaremos no punto de encontro ás 09:20 da mañá, para comezar o traballo ás 09:40.

Onde? Punto de encontro o Campo de Fútbol de Vilacova, Lousame (https://goo.gl/maps/UNN8zpEpCRCEipJE9), situado ao pé da igrexa e da taberna “Vila da Cova”. Desde alí agruparémonos nos vehículos para subir ata as proximidades da zona de intervención. É importante estardes puntualmente ás 9:30, pois do contrario será difícil orientarvos para chegar ao punto de traballos. A zona de intervención no Monte de Aguieira: https://goo.gl/maps/7FEFs8gBBnnQev1E8

Como fago para poder participar? Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas e enviar un correo electrónico a brigadasvilacoba@gmail.com ata COMO MOI TARDE o sábado 25 de febreiro.

Recorda especificar no correo se tes agún tipo de necesidade alimentaria ou dieta específica.

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress