15-A: Plantación de árbores de ribeira no río Tins (Serra de Outes)

As Brigadas acuden á chamada de colaboración de Montescola para participar na primeira Xornada de voluntariado ambiental do proxecto ReNatur_Outes para a renaturalización fluvial do río Tins ao seu paso polo Concello de Outes.

O sábado 15 de abril comezan as intervencións de voluntariado ambiental co obxectivo de plantar nese día medio cento de ameneiros (Alnus glutinosa) nas marxes do río, acción coa que se pretende minimizar a erosión en épocas de cheas e restaurar o hábitat prioritario de bosque de ribeira, no que os ameneiros teñen unha especial importancia como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados.

Pódese apuntar calquera persoa (ata un límite de 50 prazas) ata o xoves 13 de abril enviando un email a info@montescola.org ou apuntándose na Casa do Concello. A atividade (plantación e mini-roteiro) terá lugar de 10:30 a 13:30 e incluirá unha sesión de identificación de especies exóticas invasoras para a súa eliminación en próximas intervencións. O punto de encontro será a Casa da Cultura da Serra de Outes.

Sendo unha actividade destinada principalmente á veciñanza de Outes, non está previsto organizar unha comida de albaroque nesta primeira intervención, aínda que sí se fará un convite con café e bolo ao acabar a plantación.

VEMO-NOS NO RÍO!

Comments are Closed

© 2023: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress