Archives

now browsing by author

 

Froxán: Brigada en Familia o 1 de marzo

🌳 O domingo 1 de marzo Froxán volta a acoller unha xornada de voluntariado en familia aberta a todas as idades máis con actividades pensadas especialmente para as máis cativas, da man das trasnas do Monte e que finalizarán cun toque de maxía.

💚 As crianzas e familias poderán plantar unha árbore frondosa nativa (ou varias!) nas zonas onde a Comunidade ven eliminando eucalipto.

A actividade comezará ás 10:15 e finalizará ás 13:00 logo dunha chocolatada. Actividade gratuíta sendo precisa inscrición, até o dia 27 de febreiro, neste formulario 👉 https://i.gal/marzal

VÉMONOS NO MONTE !!!

Eliminación de invasoras e plantación de frondosas no Pinar do Rei (Vilagarcía de Arousa), 28 de febreiro

OLLO ao cambio de data: sábado 28 de febreiro!

As Brigadas estréanse en Vilagarcía e no Salnés (non era sen tempo!) o sábado 28 de febreiro, cunha intervención “multidisciplinar” no Pinar do Rei, unha parcela municipal con moita historia e que se pretende restaurar como Bosque Escola a través dun acordo entre o Concello e a Universidade de Vigo. Nesta primeira xornada eliminaremos acacia, eucalipto e cortadeira, podaremos frondosas e plantaremos árbores e arbustos autóctonas a partir de estacas.

Albaroque, se o tempo o permite, no propio monte. Apúntate até o mércores 25 de febreiro.

Para vos apuntardes, en todos os casos, debedes enviar email a info@montescola.org indicando a xornada ou xornadas nas que vos queredes apuntar. Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida.

VÉMONOS NO MONTE !!!

Deseucaliptización en Contimunde, Cuvela e Rois, 7 de febreiro

O sábado 7 de febreiro voltamos ao Monte Veciñal en Man Común de Contimunde, Cuvela e Rois (no concello de Rois), onde xa estivemos o pasado mes de maio machacando rebentos de eucalipto nunha zona que a Comunidade está traballando para recuperar os hábitats de carballeiras e bosque de ribeira. A acción permitirá conectar unha zona de carballeira ben conservada con outras próximas e coa ribeira do río Rois. Ao acabar, albaroque no Centro Social de S. Mamede de Roi

Apúntate até o mércores 4 de febreiro. A xornada enmárcase nas actividades do proxecto De monte a monte: territorios resilientes, no que colaboramos Verdegaia, a Fundación Montescola e Veredas da Estrela.

Para vos apuntardes, en todos os casos, debedes enviar email a info@montescola.org indicando a xornada ou xornadas nas que vos queredes apuntar. Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida.

VÉMONOS NO MONTE !!!

Deseucaliptización nas Grañas do Sor, Mañón, 31 de xaneiro

O proxecto Sylvestrer Rewilding bótase ao monte en Mañón para restaurar un bosque no Cadaval (Grañas do Sor), nas proximidades do río Sor.

A xornada comezará ás 10:00 centrándose na eliminación de rebrotes de eucalipto. Haberá xantar de alboroque e, para quen queira, un roteiro na parte da tarde.

inscrición será a través deste formulario en-liña.

VÉMONOS NO MONTE !!!

Xornada de río aberto: celebrando 3 anos de voluntariado ambiental no río Tins, Outes, 30 de xaneiro

Café, roteiro, conversa e petiscos para imaxinar un futuro fluvial

As Brigadas deseucaliptizadoras levan 3 anos colaborando co proxecto ReNatur_Outes, axudando a renaturalizar o treito urbano do río Tins ao seu paso pola Serra de Outes. Neste tempo, eliminamos eucalipto, acacia negra, mimosa, robinia, tradescantia e crocosmia, ademais de recoller residuos e plantar centos de árbores e arbustos de ribeira.

Agora toca parar para celebrar e pensar como continuar co traballo feito até o de agora. Por iso convidámosvos á Xornada de Río Aberto que organizamos en Outes na tarde do venres 30 de xaneiro co seguinte programa:

  • 16:00. Café de benvinda na Casa da Cultura de Outes
  • 16:30. Arranca o roteiro para coñecer o bosque comestible e tres anos de actuacións a través dos paneis interpretivos que vimos de instalar.
  • 18:00. Sesión participativa para trazar unha folla de ruta para o futuro do río Tins, na que queremos contar coas vosas achegas.
  • 19:15. Petiscos

Apúntate até o mércores 28 de xaneiro enviando un email a info@montescola.org

Non pasa nada se aínda nunca participaches nos voluntariados de Outes. Seguro que para a próxima virás!

VÉMONOS NO RÍO!!!

 

Xornada de plantación de árbores autóctonas no Monte do Chá (Ferrol), 24 de xaneiro

As Brigadas deseucaliptizadoras volven ó Monte veciñal do Chá en Ferrol o sábado 24 de xaneiro 2026. Nesta xornada de traballo e convivio repoñeremos algunhas fallas da plantación grande de autóctonas que se fixo no 2022.

O terreo é chao polo que o traballo é asequible para todo tipo de voluntariado, animamos a participar a xente maior e crianzas, pois o obxectivo é o convivio de toda a veciñanza e persoas ligadas ó proxecto. O punto de encontro será ás 9:30 horas no Aparcadoiro de ASFEDRO O Confurco Doniños (Ollo! Non o de Caranza!!)

Desde aí subiremos a pé ou en vehículo todo terreo se alguén o precisa. De camiño poderemos ver os cabalos de pura raza galega, as tallas na pedra feitas no obradoiro de outubro e outras melloras no monte.

As persoas participantes deberán traer roupa axeitada e guantes de traballo, a ferramenta a usar será o sacho e a laia que a organización poñerá a disposición d@s participantes.

Apúntate no correo comunidademontesdocha@gmail.com antes do 22 de xaneiro para facilitar a coordinación e o Xantar, este será ás 14:30 na Xunta Veciñal de Doniños, quen teña algún tipo de restricción alimentaria que avise no momento de apuntarse.

VÉMONOS NO MONTE !!!

Comeza ben o ano! Eliminación de invasoras en Leiro-Rianxo,17 de xaneiro

As Brigadas voltan ao monte veciñal de Leiro cunha nova intervención que terá lugar o sábado 17 de xaneiro de 10 a 14h na que descacaremos varias manchas de acacia negra (Acacia melanoxylon), nunha zona cun inmenso patrimonio arqueolóxico (máis dunha ducia de mámoas e petroglifos). Ao acabar, albaroque no Centro Cultural Vicente Vidal con churrasco e espetada vexetal.

Apúntate até o mércores 14 de xaneiro (Ollo! Xa é a semana que ven!). A xornada, coa Fundación Montescola, dá continuidade ao traballo do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

Para vos apuntardes, en todos os casos, debedes enviar email a info@montescola.org indicando a xornada ou xornadas nas que vos queredes apuntar. Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida.

VÉMONOS NO MONTE !!!

 

27 e 28 de decembro: Roga de San Silvestre en Froxán (Lousame)

27 e 28 de decembro: “Roga de San Silvestre” con plantación de frondosas e deseucaliptización en Froxán (Lousame).

Logo dos traballos, alboroque! As actividades encádranse no proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza

Como todos os anos, Froxán acolle a xa tradicional “Roga de San Silvestre”, na que redimiremos os excesos e daremos as boas entradas a 2026 plantando un milleiro de frondosas autóctonas (dependendo de cantas brigadistas vos apuntedes!) no Monte Veciñal en Man Común de Froxán, da man da Fundación Montescola e do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

Deste ano teremos dous días de actividades: sábado 27 e domingo 28 de decembro. Para ambos os dous, o día limite para se apuntar é o mércores 24. Nunha das xornadas plantaremos árbores frondosas e machacaremos eucalipto nunha das zonas nas que vimos actuando no último ano; noutra das xornadas apearemos eucaliptos no novo frente do Agro de Lá. A planificación dos traballos dependerá da climatoloxía.

Acabaremos os dous días de traballo cun xantar de albaroque propio destas datas!

Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org. Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida. Partiremos para os traballos ás 10:00.

VÉMONOS NO MONTE !!!

Novembro brigadista: deseucaliptizacións e visitas en Corcubión, Froxán e Serra da Groba

As Brigadas deseucaliptizadoras teñen un mes de novembro cheo de actividades por todo o país. Tomade nota das datas e apuntádevos nos emails que aparecen indicados máis abaixo! Vémonos no monte!

Sábado 22 de novembro: Monte Santo André de Corcubión

 A Asociación Ecosocial e Cultural Boca de Sapo precisa da nosa axuda para atallar os rebrotes de eucalipto no Monte Santo André de Corcubión, unha parcela de 16 hectareas recentemente deseucaliptizada. O Concello de Corcubión esta declarado concello libre de eucaliptos desde o 2017. Dentro deste marco a Asociación Boca de Sapo manten un acordo de custodia de territorio sobre dos terreos para favorecer a súa rexeneración ambiental, actuando sobre o Monte Cambeiro de Amarelle e o Monte Santo André. Recentemente realizouse unha tala de eucaliptos no Monte Santo André. Agora necesitamos impedir os rebrotes.

Para apuntarse é preciso enviar un email a bocadesapo.corcubion@gmail.com antes do mércores 19 de novembro.

Este será o programa da xornada:

Domingo 23 de novembro: Roteiro ambiental en Froxán (Lousame)

As Brigadas levan xa case un cento de intervencións en Froxán desde 2017. Os resultados nótanse mais poucas veces tivemos oportunidade de volos mostrar. Por iso, o domingo 23 Verdegaia organiza un roteiro ambiental polo monte, da man dunha bióloga da asociación. Coñeceremos os hábitats e ecosistemas que restauramos e conservamos na última década e presentarémosvos a Martiño, Noa e Estrelada, pioneiras da grea do proxecto A volta das bestas.

O roteiro comezará ás 10:00 e faremos un piquenique no propio monte por volta das 14:00 (cada quen trae a súa comida). Podedes apuntarvos até o día antes (sábado 22) enviando un email a info@montescola.org

Sábado 29 de novembro: Monte de Mougás (Oia)

Voltamos á Serra da Groba para unha segunda acción deseucaliptizadora na orla dunha turbeira en proceso de restauración no Monte Veciñal en man Común de Mougás (Oia). Os traballos terán lugar entre as 9:30 e as 13:30, momento no que pararemos para visitar o Curro de Mougás da man das expertas en cabalos salvaxes do proxecto RURALtXA! e da propia comunidade.

A continuación celebraremos o tradicional xantar de albaroque no Curro de Mougás e, logo da sobremesa, visitaremos os queirogais e turbeiras da Comunidade de Montes de Loureza para coñecer mellor a importancia destes ecosistemas e dos esforzos para a súa conservación e restauración.

Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org (ata o xoves 27).

VÉMONOS NO MONTE !!!

25-26 de outubro: o Barbanza acolle o proxecto “De monte a monte” en Baroña e Froxán

Dous días de eliminación de invasoras, formación e convivio con comunidades e voluntarias da Galiza e Portugal nun novo encontro transfronteirizo

Logo da expedición das Brigadas á Serra da Estrela en abril/maio deste ano, desta volta tócanos facer de anfitrioas, acollendo as nosas parceiras de Figueiró da Serra, que nos devolven a visita o sábado 25 e o domingo 26 de outubro. Para iso, temos preparado un programa de actividades que se desenvolverán nos montes veciñais de Baroña (Porto do Son) e Froxán (Lousame).

As actividades forman parte do proxeto transfronteirizo Eramus+ “De monte a monte: territórios resilientes” promovendo os intercambios de traballo, formación, cultura e convivio entre iniciativas de combate ás espécies exóticas invasoras e á construción de territorios resilientes na Galiza e Portugal, xunto coas entidades parceiras Montescola (Gz) e Veredas da Estrela (Pt).

Programa
Sábado 25 (Baroña)

  • 09:30 | Voluntariado (eliminación e rebrotes de eucalipto e acacia) e visita ao monte
  • 14:00 | Albaroque na Casa Forestal de Baroña
  • 16:30 | Visita ao Castro de Baroña e Praia de Area Longa
  • 19:00 | Sesión de debate intercomunitario
  • 21:00 | Cea (opcional)

Domingo 26 (Froxán)

  • 10:00 | Voluntariado/formación (poda) e visita ao monte
  • 14:00 | Albaroque

É posíbel apuntarse á actividade do sábado, á do domingo ou a ambas, mais é preciso indicar claramente no email. Tamén precisamos saber de antemán se tedes algunha restrición alimentaria e, no caso de vir no sábado, se ficaredes á cea. En todos os casos, a inscrición finaliza o mércores 22 de outubro (prazas limitadas).

Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org. Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de preparar a comida.

Existe a posibilidade de acampar en exterior na zona da Casa Forestal de Baroña, que dispón de baños e aseos.

VÉMONOS NO MONTE !!!

© 2026: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress