Convocatorias
now browsing by category
21 de setembro: Eliminación de robinia invasora no río Tins (Serra de Outes)
Este domingoo 21 as Brigadas voltan con forza ao proxecto de restauración fluvial do río Tins, co obxectivo de eliminar ás árbores exóticas presentes no treito final antes da desembocadura no Esteiro do Tins, na ría de Muros e Noia (Rede Natura 2000).
A convocatoria do domingo 21 de SETEMBRO enmárcanse no proxecto ReNatur_Outes e XVIII Limpeza Simultánea de Ríos do Proxecto Ríos, e nelas eliminaremos os últimos pes de robinia (Robinia pseudoacacia) das marxes contribuíndo así a renaturalizar este espazo natural de grande valor, e apañando algún lixo presente na contorna. Ao acabar, teremos petiscos na Casa da Cultura da Serra de Outes, con posibilidade de gozar pola tarde da praia de Broña ou da Devesa de Chacín (teremos sol!)
Para participar só é necesario enviar un email a info@montescola.org ata o venres 19 de SETEMBRO.
A xornada comezará ás 10:00 e seguirá ata as 13:30 aproximadamente, cando prepararemos unha merenda/albaroque á beira do río ao pé da Casa da Cultura.
VÉMONOS NO RÍO!!!
30 de agosto: última deseucaliptización do verán en Froxán (Lousame)
Logo dos traballos, baño e alboroque! As actividades encádranse no proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza.
Logo de varios meses de actividade intensa, a Fundación Montescola organiza en Froxán o seu último voluntariado de deseucaliptización o sábado 30 de agosto. Nesta convocatoria as Brigadas abren unha nova fronte, eliminando eucalipto nunha parcela que ardeu no lume de 2006 e que ficou intacta até o de agora, tendo unha alta densidade de frondosas que axudaremos a consolidar.
A roga terá lugar de 09:30 a 14:00, rematando cun baño refrescante e o tradicional albaroque.
O prazo para se apuntar é o xoves 28 de agosto. Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org
VÉMONOS NO MONTE !!!

3 de agosto: deseucaliptización, baño e arandos en Froxán (Lousame)
As actividades encádranse no proxecto CAPRIF-CC
Comeza ben o mes de agosto cunha deseucaliptización en Froxán (Lousame) para o domingo 3, coa Fundación Montescola. Nesta xornada pretendemos acabar de tombar os eucaliptos que rodean a turbeira de Campos de Lamas. A roga terá lugar de 10:00 a 14:00, rematando cun baño refrescante, o tradicional albaroque con produtos locais e, na parte da tarde, unha degustación (e recollida benéfica –opcional) de arandos.
O prazo para se apuntar é o xoves 31 de xullo. Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org
VÉMONOS NO MONTE !!!
26 de xullo: eliminación de mimosa en Piñeira (Courel)
Na noite anterior, Minnemann Blues Band en Esperante, co festival CourelSon 2025
As Brigadas voltan ao Courel da man do proxecto CAPRIF_CC, para eliminar mimosa en Piñeira (Folgoso do Courel). A xornada terá lugar o sábado 26 de xullo de 10:00 a 14:00 e seguirá o tradicional xantar de alboroque que desta volta organiza a Asociación Galega de Custodia do Territorio e Montescola.
Para que goste de jazz, na noite antes terá lugar xusto ao lado en Esperante unha das sesións do festival CourelSon 2025 coa Minnemann Blues Band, que ofrecerá un concerto de balde a partir das 20:30. Hai diversas posibilidades de aloxamento en Seoane do Courel e nas proximidades.
O prazo para se apuntar é o xoves 24 de xullo. Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org ou usar o seguinte formulario online.
VÉMONOS NO MONTE !!!

19 e 20 de xullo: eliminación de invasoras en Baroña e Froxán
As actividades encádranse nos proxectos “Laboratorio Ecosocial do Barbanza” e “De Monte a Monte”
As Brigadas voltan ás comunidades de Baroña e Froxán para continuar os traballos de eliminación de especies exóticas invasoras coa Fundación Montescola. En Baroña, no sábado 19, machacaremos rebrotes de eucalipto e acacia nunha encosta na que as Brigadas xa plantaron centos de frondosas o pasado mes de febreiro. En Froxán, o domingo 20, acabaremos de tombar os eucaliptos que rodean a turbeira de Campos de Lamas. En ambos os dous casos, a roga terá lugar de 10 a 14h., rematando cun albaroque con produtos locais.
O prazo para se apuntar nas dúas xornadas é o xoves 17 de xullo. Indícanos a cal das dúas xornadas vas vir (ou se virás ás dúas!). Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org.
No sábado á tarde a Comunidade anfitrioa presentará o proxecto pioneiro do Centro de Transformación de Alimentos do Barbanza, mentres que no domingo organízase unha formación sobre cultivo de arandos (e unha recollida benéfica) encadradas no proxecto Erasmus+ transfronteirizo De monte a monte.
VÉMONOS NO MONTE !!!
12 de xullo, deseucaliptización nas turbeiras da Serra da Groba
As Brigadas deseucaliptizadoras desembarcan por primeira vez o 12 de xullo na Serra da Groba para unha acción deseucaliptizadora na orla dunha turbeira en proceso de restauración no Monte Veciñal en Man Común de Mougás (Oia). Os traballos terán lugar entre as 9:30 e as 13:30, momento no que pararemos para visitar o Curro de Mougás da man das expertas en cabalos salvaxes do proxecto RURALtXA! e da propia comunidade.
A continuación celebraremos o tradicional xantar de albaroque no Curro de Mougás e, logo da sobremesa, visitaremos os queirogais e turbeiras da Comunidade de Montes de Lourenza para coñecer mellor a importancia destes ecosistemas e dos esforzos para a súa conservación e restauración.
Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org (ata o xoves 10). Non faltedes!
VÉMONOS NO MONTE !!!

Estrea de “Alboroque” no festival Curtocircuito (Santiago) o 5 de xullo
Sabrina Fernández Casas convídanos á estrea da súa curta Alboroque, que se centra na iniciativa das Brigadas Deseucaliptizadoras a través das súas protagonistas. Será no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o sábado 5 de xullo, dentro da sesión de curtas que comeza ás 17:30h.
Brigadas activistas organizan unha resistencia ecolóxica contra as plantas destrutivas e a maleza descoidada que rodean as súas aldeas en Galicia.As limas que empregan para afiar as súas motoserra proceden dunha fábrica de metal en Suíza.A través destes dous territorios desenvólvese unha narrativa inesperada, moldeada pola migración e o activismo ecolóxico, que entrelaza o persoal co político.
Trailer: https://www.youtube.com/watch?v=OTT0xTm8mQ0
Máis información e entradas en: https://www.curtocircuito.org/sesiones/planeta-gz-2

5 e 6 de xullo: Formación sobre control de invasoras no Araño (Rianxo) e Froxán (Lousame)
Sábado 5: formación sobre xestión e control de plantas exóticas invasoras (Araño, Rianxo)
Elizabete (“Beta”) Marchante é sen dúbida das maiores expertas en invasoras arbóreas na península ibérica, e ten colaborado desinteresadamente coas Brigadas durante anos axudándonos a mellorar as técnicas e estratexias. Temos o pracer de a ter conosco o próximo sábado 5 nunha xornada formativa sobre xestión e control de plantas exóticas invasoras que organizamos co proxecto CAPRIF_CC.
Podedes apuntarvos até o xoves 3 neste formulario de inscripción.
De 11 a 13:30h. teremos unha sesión con ela no Local Social do Araño, seguida dunha visita de campo (opcional) por Rianxo a partir das 16h. Se queredes ficar a comer na Parrillada Barbanza (tamén no Araño) avisade (menú 15€) con un email a info@montescola.org
Domingo 6: xornada práctica de xestión de plantas exóticas invasoras (Froxán, Lousame)
Beta tamén nos acompañará o domingo 6 en Froxán para unha xornada práctica na que visitaremos algúns dos focos de invasoras que quedan no monte para deseñar estratexias de intervención e ensaiar os métodos de control e xestión. Desta volta a xornada será de 10 a 14h. e ao finalizar teremos o tradicional xantar de alboroque. Na parte da tarde visitaremos a plantación de arandeiras.
Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org (ata o xoves 3 de xullo).
VÉMONOS NO MONTE !!!

28 de xuño: Eliminación de acacia e robinia no río Tins (Serra de Outes)
Este mes de xuño as Brigadas voltan con forza ao proxecto de restauración fluvial do río Tins, co obxectivo de eliminar ás árbores exóticas presentes no treito final antes da desembocadura no Esteiro do Tins, na ría de Muros e Noia (Rede Natura 2000).
A convocatoria do sábado 28 de xuño enmárcanse no proxecto ReNatur_Outes, xestionado pola Fundación Montescola e nelas eliminaremos pes de mimosa (Acacia dealbata) e robinia (Robinia pseudoacacia) das marxes contribuíndo así a renaturalizar este espazo natural de grande valor. Ao acabar, teremos petiscos na Casa da Cultura da Serra de Outes, con posibilidade de gozar pola tarde da praia de Broña ou da Devesa de Chacín.
Para participar só é necesario enviar un email a info@montescola.org ata o xoves 26 de xuño.
A xornada comezará ás 10:00 e seguirá ata as 13:30 aproximadamente, cando prepararemos unha merenda/albaroque á beira do río.
VÉMONOS NO RÍO!!!

Sábado 21 de xuño: deseucaliptización e ecovisita en Froxán (Lousame)
O sábado 21 de xullo será lugar unha xornada especial en Froxán, na que adicaremos a mañá a eliminar rebentos de eucalipto na zona na que se cortaron os pés o verán pasado e se plantaron frondosas este inverno, así como a continuar a eliminación de eucalipto na contorna da turbeira de Campo de Lamas, agora incluida oficialmente no Rexistro de Zonas Húmidas da Galiza.
Na parte da tarde, logo do xantar de albaroque, faremos unha ecovisita para repasar os avanzos de 8 anos de voluntariado ambiental coas Brigadas neste territorio que comezará no punto onde se lanzaron as Brigadas en abril de 2018. No fin, teremos a estrea mundial do documentario de Rafa Xaneiro “Recuperar o monte“.
Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org (ata o xoves 19).
VÉMONOS NO MONTE !!!
