Convocatorias
now browsing by category
Sábado 21 de xuño: deseucaliptización e ecovisita en Froxán (Lousame)
O sábado 21 de xullo será lugar unha xornada especial en Froxán, na que adicaremos a mañá a eliminar rebentos de eucalipto na zona na que se cortaron os pés o verán pasado e se plantaron frondosas este inverno, así como a continuar a eliminación de eucalipto na contorna da turbeira de Campo de Lamas, agora incluida oficialmente no Rexistro de Zonas Húmidas da Galiza.
Na parte da tarde, logo do xantar de albaroque, faremos unha ecovisita para repasar os avanzos de 8 anos de voluntariado ambiental coas Brigadas neste territorio que comezará no punto onde se lanzaron as Brigadas en abril de 2018. No fin, teremos a estrea mundial do documentario de Rafa Xaneiro “Recuperar o monte“.
Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org (ata o xoves 19).
VÉMONOS NO MONTE !!!
Sábado 7 de xuño: desacaciación en Leiro (Rianxo)
As Brigadas voltan ao monte veciñal de Leiro cunha nova intervención que terá lugar o sábado 7 de xuño de 10 a 14h. na que descacaremos varias manchas de acacia negra (Acacia melanoxylon), nunha zona cun inmenso patrimonio arqueolóxico (máis dunha ducia de mámoas e petroglifos).
Ao acabar, celebraremos o tradicional xantar de albaroque nun local próximo e, de tarde, as participantes poden quedar nalgunha das praias da parroquia como a das Cunchas ou Porrón.
A actividade está aberta a todos os públicos e a todas as idades e debedes apuntarvos até o xoves 5 de xuño enviando un email a info@montescola.org
VÉMONOS NO MONTE !!!
24 de maio: As Brigadas voltan a Doade
E, pola tarde, andaina e ruada con música e petiscos
As Brigadas voltan a Doade o sábado 24 de maio para seguir axudando a pór en valor o patrimonio cultural e natural… e pola noite ruada con música, empanada e viño!
Os comuneiros e comuneiras de Doade (Beariz, Terra de Montes) continúan precisando da nosa axuda para por en valor varios elementos do patrimonio cultural e natural do seu monte veciñal. Para iso acondicionaremos 5 camiños do monte de Doade: a congostra do Portiño, o camiño das Mitueiras, o camiño do Portafeixa ao Portoespiño, a congostra de Abaixo ou dos Barreiros e o camiño a ponte da Pena.
Durante toda a xornada estaremos de novo acompañados por Pichi (Loita Verde), experto en fauna e flora.
Para apuntarse é preciso enviar un email antes do xoves 22 de maio ao enderezo electrónico: symbiosexestion@gmail.com
Programa
9:30h Punto de encontro na Praia fluvial de Doade, café e almorzo, preparar as ferramentas
10:00h Saída ao monte desde a praia fluvial
14:00h Volta a praia fluvial
14:30h Xantar na casa do Pobo de Doade. Menú sorpresa, viño do Rosal, auga da fonte do Farauto, café e licores
17:30h – 20:00h Andaina por “Doade Vello”, polos 5 camiños xa limpos e volta a casa do pobo
A partir das 20:30h Ao remate animamos a toda a xente a asistir á Ruada de Doade no adro da capela.
¿Qué fai falla traer?
Auga para hidratarse, roupa e calzado adecuado para andar polo monte, luvas, lentes de protección e tamén alguna ferramenta manual como sacho, tesoira de poda, serrote, fouce, machada, capacho… Disporemos dalgunas ferramentas e tamén de motoserras e rozadoiras para a xente mais intrépida. Trae o que necesitas para darte un chapuzón na fervenza do Porto de Anta e a túa pandeireta para a Ruada.
Avisa no email de inscrición que ferramentas vas traer, se es vegana, vegetariana ou se comes de todo e tamén se tes unha alerxia alimenticia que deberíamos ter en conta. Tamén avisa se precisarías ter aloxamento privado na zona de venres a sábado ou de sábado a domingo.
Son anfitrioas da II Brigada en Doade a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Doade, SOS Suído Seixo/Mina Alberta NON, coa colaboración de Symbiose Xestión Natural S.Coop Galega (A Lama)
VÉMONOS NO MONTE !!!

17 de maio: comeza a desaucaliptización do Monte de Rois
Logo do xantar realizarase un roteiro para coñecer a contorna natural do monte
As Brigadas deseucaliptizadoras estréanse o próximo sábado 17 de maio no Monte Veciñal en Man Común de Contimunde, Cubela e Rois (no concello de Rois) coa Fundaçao Montescola, cunha acción de machaque de rebentos de eucalipto nunha zona que a Comunidade está traballando para recuperar os hábitats de carballeiras e bosque de ribeira. A acción permitirá conectar unha zona de carballeira ben conservada con outras próximas e coa ribeira do rego dos Muíños de Buxán, a poucos metros da espectacular fervenza de Rois.
Os traballos correrán de 10:00 a 14:00, máis partiremos puntualmente ás 9:30 do punto de encontro para realizar a pé o percorrido final até a zona de traballo. A Comunidade ofrecerá o tradicional xantar de albaroque no adro da Igrexa de San Mamede de Rois. Logo do albaroque, haberá un roteiro polo monte.
A actividade está aberta a todos os públicos e a todas as idades e debedes apuntarvos até o xoves 15 de maio enviando un email a info@montescola.org Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida.
VÉMONOS NO MONTE !!!
10 de maio: As Brigadas axudan a por en valor o patrimonio cultural de Doade
E, pola tarde, andaina e ruada con música e petiscos
Os comuneiros e comuneiras de Doade e Xirarga (Beariz, Terra de Montes) precisan da nosa axuda para por en valor e catalogar varios elementos do patrimonio cultural e etnográfico do seu monte veciñal. Para iso acondicionaremos o acceso ao muiño Portafeixa, e a dous muíños que só descubriredes se vides, pasaremos pola ponte da Portafeixa co seu camiño empedrado, o pontillón do Portoespiño e algúns elementos da contorna. Tamén acondicionaremos o acceso a unha galería das antigas minas de volframio, para coñecer a biodiversidade que habita na galería.
Facemos un amplo chamamento a todas as persoas observadoras e coñecedoras de fauna e flora para acompañarnos durante toda a xeira, así coma fotógrafas e naturalistas para documentar os muíños, a ponte, o camiño e a fauna e flora local.
Para apuntarse é preciso enviar un email antes do xoves 8 de maio ao enderezo electrónico: symbiosexestion@gmail.com
Este será o programa da xornada:
9:30h Punto de encontro na praia fluvial de Doade, café e almorzo, preparar as ferramentas
10:00h Saída ao monte dende a praia fluvial.
Durante toda a xornada estaremos acompañados por Pichi do colectivo Luita Verde, coñecedor de plantas e animais protexidos e en especial anfibios.
14:30 Volta a la praia fluvial de Doade
15:00-17:00: Xantar na Casa do Pobo de Doade. Haberá ensalada de pasta e Finsadinha pra comer, viño do Rosal e auga da fonte do Farauto. Non esquezas traer o teu instrumento e moitas ganas de botar uns bailes!
17:00h-19:00 Andaina para coñecer o espazo da futura Aula-observatorio da Natureza.
A partir das 20:00 Ao remate animamos a toda a xente a asistir á Ruada do Seixido, música e petiscos de balde! Non faltes! Organizado polas pandereteiras Nabal da Prata (O Seixido).
Que fai falla traer?
Auga ou bebida para hidratarse, roupa e calzado adecuado pra andar polo monte, luvas, lentes de protección e tamén algunha ferramenta manual coma tesoira de poda, serrote, fouce, machada… Disporemos de algunhas ferramentas e tamén de motoserras e rozadoiras para a xente mais intrépida!
Para as brigadistas que participan na Xornada no monte veciñal de Doade crearanse Sabias (moeda social). Haberá aloxamentos e alimentos dispoñibles en Sabias pola zona.
Son anfitrioas da xornada no monte veciñal de Doade a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Doade, SOS Suído Seixo/Mina Alberta NON, coa colaboración de Symbiose Xestión Natural S.Coop. Galega (A Lama).
VÉMONOS NO MONTE !!!
30 de abril-4 de maio: Brigada expedicionária à Serra da Estrela (Portugal)
QUATRO DIAS DE DESACACIAÇÃO, ATIVIDADES CULTURAIS, FORMATIVAS E DE CONVÍVIO NO PARQUE NATURAL DA SERRA DA ESTRELA
As Brigadas deseucaliptizadoras voltam à Serra da Estrela com o projeto transfronteiriço Eramus+ “De monte a monte: territórios resilientes” promovendo os intercâmbios de trabalho, formação, cultura e convívio entre iniciativas de combate às espécies exóticas invasoras e à construção de territórios resilientes na Galiza e Portugal, na que participamos Verdegaia e Montescola junto com a entidade parceira Veredas da Estrela.
Entre os dias 30 de abril e 4 de maio organiza-se uma nova brigada expedicionária à Serra da Estrela na que 20 brigadistas da Galiza se juntarão com outras tantas voluntárias locais para vários dias de trabalho na freguesia de Figueiró da Serra, concelho de Gouveia, dentro do Parque Natural da Serra da Estrela.
Os trabalhos e atividades realizaram-se durante toda a fim-de-semana desde o acampamento do Curral do Negro, sendo necessário trazer tenda própria e participar durante os três dias.
PROGRAMA PROVISÓRIO
30 de abril:
– Curral do Negro (Gouveia): Jantar para quem chegar já nesse dia
1 de Maio:
– 11h: Bioblitz Inventário Florestal (Figueiró da Serra)
– 15h: Workshop prático de controle de mimosas (Figueiró da Serra)
2 de Maio:
– 10h: Intervenção no Curral do Negro (Gouveia)
– 15h: Saída de campo (Serra da Estrela)
3 de Maio:
– 9h: Jornada no Soito – Prevenção de incêndios e restauro ecológico
– 15h: Oficinas em paralelo: Oficina de construção de caixas de ninho / Oficina Trabalho Florestal Seguro
4 de Maio (domingo)
– 10h30: Assembleia – Ação comunitária para prevenção de incêndios (Figueiró da Serra)
– Almoço em Figueiró da Serra
Para participar é imprescindível, além de estardes inscritas como Brigadistas, enviar um correio-e a info@montescola.org ata COMO MUITO TARDE a sexta-feira 11 de abril. As vagas são limitadas a 20 participantes do lado galego. Criará-se uma lista de espera no caso de haver mais inscrições do que vagas. Será necessário realizar um depósito para segurar a vaga.
VEMO-NOS NO MONTE!
12 de abril: descaciamos no Araño (Rianxo) e festa da salchicha
A atividade forma parte da iniciativa Laboratorio Ecosocial do Barbanza
Non. Non é broma. As Brigadas voltan á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Araño (en Rianxo), e desta vez nunha alianza estratéxica coa Asociación Cultural A Carballeira de Baia que propuxo a improbábel mais completamente lóxica combinación de descascar acacia negra cun albaroque inédito en plena Festa da Salchicha do Araño no que poderedes degustar salchicha fresca, salchicha vegana, criollo, paella (imaxinamos que con salchicha), salchipapas, etc., etc. Todo acompañado e/ou seguido de gaiteiros (Os Pequenos do Barbansa), xogos populares, bingo e baile. Non podíamos dicir que non.
O voluntariado da mañá forma parte do proxecto do Laboratorio Ecosocial do Barbanza do que participa Montescola. A intervención terá lugar o sábado 12 de abril de 10:00 a 14:00, e descascaremos manualmente varias manchas de acacia negra (Acacia melanoxylon), próximas ao Campo da Festa (que é o punto de partida da actividade). Celebraremos o xantar de albaroque nas condicións asinaladas no Souto de Buía.
A actividade está aberta a todos os públicos e a todas as idades e debedes apuntarvos até o xoves 10 de abril enviando un email a info@montescola.org Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida.
VÉMONOS NO MONTE !!!
6 de abril: A desacaciación continúa na Pedra da Ra, Carreira (Ribeira)
A convocatoria forma parte do proxecto CAPRIF_CC
Logo da exitosa intervención de febreiro, a desacaciación continúa o domingo 6 de abril no Monte Veciñal en Man Común de Carreira (Ribeira), ao pé do Parque Natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, onde eliminaremos eucalipto e acacia aplicando a técnica de descasque. Traballaremos nunha mancha situada ao pé do monumental miradoiro da Pedra da Ra.
A xornada irá de 10:00 a 14:00, seguida do tradicional xantar de albaroque, na Casa Forestal de Carreira. Logo da sobremesa, realizaremos unha visita ao Parque Natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal para coñecer mellor a biodiversidade que atesoura. O prazo para se apuntar é o xoves 3 de abril.
Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org. Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida. A actividade realízase da man da Fundación Montescola e do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático.
VÉMONOS NO MONTE !!!
29 de marzo: Continuamos desacaciando o Santiaguiño do Monte (Padrón)
A actividade forma parte do proxecto CAPRIF_CC
As Brigadas volta a acabar o que comezaron no Santiaguiño do Monte, un lugar máxico ao pé de Padrón, onde eliminaremos o resto da acacia que están rodeando este antigo santuario precristián formado sobre un conxunto de rochas graníticas e cuxa rica historia podedes coñecer aquí.
Esta xornada, que terá lugar o sábado 29 de marzo comezando ás 10:00, organízase en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais en man Común de Estramundi (Padrón), da man da Fundación Montescola e do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático. Desta volta o día limite para se apuntar é o xoves día 27. Ao acabar celebraremos o tradicional xantar de albaroque.
Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org (ata o xoves 27). Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida.
VÉMONOS NO MONTE !!!
15 de marzo: Poda de frondosas e control de invasoras en Taragoña (Rianxo)
Como cabras! Poda de frondosas e control de especies invasoras no Fieitoso (Taragoña)
Na parte da tarde, organízase unha visita para coñecer o proxecto de gandeiría rexenerativa con cabras da CMVMC do Fieitoso de Tarogaña
As Brigadas voltan ao Monte Veciñan en Man Común do Fieitoso, en Taragoña (Rianxo), da man da Fundación Montescola e do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático. O sábado 15 de marzo traballaremos nunha parcela do monte na que a comunidade está rexenerando unha masa de frondosas autóctonas. As participantes aprenderán a realizar podas de formación e, en simultáneo, eliminaranse exemplares de acacia negra presentes na zona. O prazo para se apuntar é o xoves 13 de marzo.
Na parte da tarde, logo do xantar de albaroque, a Comunidade anfitrioa presentará o seu proxecto de gandaría rexenerativa con cabra para o control de especies invasoras, prevención de incendios e implicación da comunidade educativa no coidado do monte. A visita está encadrada no proxecto Erasmus+ transfronteirizo De monte a monte, na que colabroamos Verdegaia, Montescola e Veredas da Estrela.
Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org. Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida.
VÉMONOS NO MONTE !!!

