barbanza

now browsing by tag

 
 

16 de xuño: recuperamos o patrimonio do Castro de Bexo, en Dodro

O Castro de Bexo, en Dodro, como tantos outros elementos do patrimonio cultural galego que acollen os nosos montes, encóntrase degradado e oculto pola invasión de eucalipto que non só impide o seu coñecemento e gozo pola sociedade se non que, lume após lume, converte esta paraxe única e con espectaculares vistas da ría de Arousa e brañas do Ulla nun deserto baixo aparencia verde. Por iso, o sábado 16 de xuño temos convocada unha nova roga e albaroque en Bexo, en parcería coa Asociación Cultural Unidade Veciñal de Dodro. Os traballos comezarán ás 10 da mañá, máis é imprescindíbel estar no punto de encontro (que será comunicado ás persoas inscritas) ás 9h30 para irmos xuntas á zona da intervención.

Para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria de 16 de xuño mediante un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org Agradécese que nos notifiquedes se tendes algún requerimento alimentario especial para tentar que no albaroque haxa algo para vós. A data límite para apuntarse é o 11 de xuño para poder organizar ben a comida e demais loxística.

O Castro de Bexo, tamén coñecido como “As Murallas” está catalogado por Patrimonio e é un dos asentamentos máis grandes de toda a zona, pola súa posición estratéxica. No último ano a Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Bexo ten acordado a súa recuperación, redactando un proxecto de xestión arqueolóxica que inclúe a erradicación do eucalipto en todo o seu perímetro. Tamén nos últimos anos se realizaron varias intervencións de retirada desta especie, adicándose esta roga a machacar os brotes de rexenerado que saíran despois da última corta. As seguintes cortas están pendentes das preceptivas autorizacións.

Finalizados os traballos, ofrecerá unha presentación e visita guiado do castro o arqueólogo Carlos Otero-Vilariño, responsábel polo proxecto de xestión arqueolóxica deste xacemento e co-editor da “Atlas arqueolóxico da paisaxe galega”.

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress